Os responsables da parroquia achacan a filtración ás obras da praza

A rotura dunha tubería enche de auga A Veracruz

Restos de agua baixo a torre da Veracruz. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O interior do templo parroquial da Veracruz do Carballiño apareceu o pasado domingo cunha capa de auga de case cinco centímetros, debido á rotura dunha canalización do abastecemento ubicada no entorno. Un grupo de feligreses adicouse á tarefa de achica-la auga con fregonas, para ter preparado o recinto relixioso para as misas desa xornada, se ben aínda onte se podían apreciar restos da inundación baixo o porche da torre principal da igrexa.
O párroco de San Cibrao, Xosé Benito Sieiro, sinalou que 'a entrada de auga foi orixinada pola rotura dunha tubería na zona onde se están a executar as obras de construcción da nova praza, e pensamos que ésta foi debida á utilización de maquinaria pesada na pasada semana por parte da empresa adxudicataria dos traballos'. O crego engadiu que 'os técnicos da familia Otero, que edificou o templo, xa apuntaran que dende o inicio das citadas obras detectaron grietas na fachada e na base, polas que se filtrou a agua, que danou un confesionario e uns marcos antigos no interior'.

Fontes do departamento técnico de Misturas, concesionaria da execución da praza da Veracruz, indicaron que 'descoñecemos neste intre se houbo algunha rotura, pero si estamos seguros de que as obras que levamos a cabo non produxeron grietas na igrexa'. Por outra banda, o concelleiro de Obras e Urbanismo, Manuel Amil, manifestou que 'resulta estrano que se produxese unha avaría nas canalizacións o venres, cando rematou o periodo laboral, e non se produxese a inundación ata o domingo'.


COMISIÓN

O edil nacionalista, tamén alcalde en funcións do Carballiño, adiantou que 'me poñerei en contacto coa dirección de obra da praza, xa que se houbo algunha neglixencia deberán ser eles os responsables de afrontar os danos'. A inundación da Veracruz tamén causo malestar entre os membros da comisión creada na parroquia para a defensa do contorno patrimonial do templo, integrada por colectivos sociais, expertos no legado do seu arquitecto, Antonio Palacios, e veciños a nivel particular. Esta plataforma rexeita o levantamento dun muro ó carón da rúa Vaamonde, incluido no proxecto.

Te puede interesar