Trátase da 39ª edición, e terá unha dotación de 12.000 euros, a repartir entre as dúas categorías. O xurado emitirá o seu fallo o próximo 20 de abril, no Concello de Boborás, ao que corresponde este ano a organización, turnándose co de Carballiño.
A entrega dos premios terá lugar o día 15 do próximo mes de xuño, no pazo dos Losada, en Moldes (Boborás), no transcurso dun acto literario.
O xurado está integrado por representantes da Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Museo do Pobo Galego, Deputación provincial de Ourense, Concello do Carballiño e das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, estando presidido nesta edición pola alcaldesa de Boborás, Patricia Torres.
As obras deben estar escritas en galego e son remitidas polas editoriais, sen intervir os autores, segundo se contempla nas bases, na que se recolle tamén que deberán ser publicadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2023, para optar ao XXXIX Premio Antón Losada Diéguez.