Veciños de Boborás recollen sinaturas para recuperar o transporte ó centro sanitario

A supresión do transporte de viaxeiros entre as localidades de Soutelo, en Pontevedra, e Carballiño, en Ourense, xenerou malestar entre os veciños do Regueiro, localidade do municipio de Boborás. ’Iste servizo diario que prestaba a empresa Monbús saía ás 7,00 horas de Soutelo e chegaba ó Regueiro as 7,30 horas, e era o que utilizaba a xente maior para desplazarse ó centro de saúde de Boborás’, sinala Avelino Prado, voceiro veciñal.
O representante dos veciños apuntou onte que ’os veciños do pobo notaron a falta do autocar, xa que coincidiu coa xornada fixada no ambulatorio para que os pacientes fagan as súas analíticas, e para as que teñen cita ás 8,00 horas’. Neste senso, Avelino Prado comenta que, ’polo Regueiro pasa outro autobús ás 10 da mañá cara Boborás pero é evidente que a xente xa chega tarde para as consultas médicas’.

Concesión

Unha representación dos veciños da parroquia do Regueiro dirixiuse ás oficinas da Casa do Concello, onde o asesor xurídico da Alcaldía comprobou que, ’segundo o acordo entre o alcalde e a empresa Monbús, o servizo de transporte ten que funcionar entre os meses de outubro a xullo, e polo tanto estáse a incumplir iste convenio’, sinalou Avelino Prado. Por iste motivo, na localidade comezou unha campaña de recollida de sinaturas entre a veciñanza, co obxectivo de dirixir un escrito á Dirección Xeral de Transportes da Xunta, ’reclamando que se lle rescinda a concesión que posúe a empresa Monbús da liña que vai de Pontevedra ó Carballiño pola estrada N-541’.

Te puede interesar