Programa da Semana Santa en Ribadavia 2024

Procesión do Santo Encontro, na Praza Maior, no ano 2023.
photo_camera Procesión do Santo Encontro, na Praza Maior, no ano 2023.
Aos actos relixiosos, súmanse roteiros guiados, concertos, un espectáculo de danza e un musical pola Semana Santa en Ribadavia

O Concello de Ribadavia prepara unha ampla oferta de actividades culturais e deportivas como complemento aos actos relixiosos da Semana Santa 2024.

Programa completo

Comezan o próximo día 25 de marzo co obradoiro de reciclaxe “Crecicla”, destinado a nenos de 6 a 10 anos, que terá lugar na Casa da Cultura, a partires das 17,00 horas. 

O xoves e o venres, ás 12,30, está previsto o roteiro “Coñece Ribadavia”, cun percorrido polo patrimonio histórico da vila. Ademais, ese mesmo xoves, ás 19,00, a Alameda acollerá o espectáculo de danza “Remembranza”, e posteriormente, ás 23,00, na praza de San Xoan, actuará en concerto o grupo “Alabanda”, con repertorio de música pop e rock española. 

As actividades culturais continúan o venres co contacontos infantil “Cuentos y mas cuentos”,  na Praza Maior, ás 13,00 horas; e xa pola tarde, ás 19,00 horas, haberá o musical “¡Escenas de todos!”, no auditorio da Casa da Cultura; rematando esta xornada na rúa Salgado Moscoso con  sesións de música electrónica dos djs, Jeivi e Roku, a partir das 23,00 horas. 

O sábado, 30 de marzo, ás 19,00, na Igrexa da Madalena terá lugar o concerto de guitarra eléctrica de Rafael Fernández; e tamén un ano mais, celebrarase a actividade “A Arte dos Monumentos”, organizada por a Asociación de Amigos do Museo, ese mesmo sábado, ás 13,00 horas, para coñecer a historia da sociedade recreativa “A Peña”, e ao día seguinte, domingo, á mesma hora, para falar do antigo edificio Banco Pastor, ámbolos dous días o punto de encontro será na Fonte da Prata.

No que ten que ver co deporte, os días 29 e 30, o polideportivo “O Consello” será sede do torneo de fútbol sala “Copa do Ribeiro”, organizado polo colectivo “Minabo do Ribeiro”. Ademais, o campo do “Xestal” acollerá o Clinic de Semana Santa de Fútbol, organizado polo Ribadavia Atlético en colaboración coa fundación Celta, os días 25, 26 e 27 de marzo.

“Todas estas actividades son o complemento perfecto aos tradiconais actos relixiosos organizados pola Cofradía de Nuestra Señora del Portal, en colaboración coa parroquia de Ribadavia”, apunta o alcalde, César Fernández.

Actos relixiosos

Dentro do programa de actos relixiosos, o 24 de marzo, Domingo de Ramos, celebrarase a procesión dende San Xoan ata San Domingos, ás 11,30 horas; e o xoves a Procesión dos Caladiños dende a Igrexa de Santiago, ás 21,00.

O Vernres Santo será a Procesión do Santo Encontro dende a Igrexa de Santiago ata a Praza Maior, ás 11,30; e a  Procesión do Santo Enterro dende a Igrexa de San Domingos, ás 19,30.

Ademais, o Concello pon en marcha un servizo de conciliación para os nenos, os días 25, 26, 27 de marzo e 1 de abril, en horario de 9,00 a 14,00 horas.

Te puede interesar