A cuarta xornada de exaltación reuniu a unhas 500 persoas entre a degustación e o xantar

O viño tinto de Cenlle gaña adeptos

Houbo pan e xamón para acompañar ó tinto. (Foto: Pablo Araújo)
Medio milleiro de persoas acudiron á cuarta edición da festa de exaltación do tinto de Cenlle, municipio de O Ribeiro con recoñecida fama nesta variedade de viño. Dende a mañá ata o mediodía desenvolveuse a degustación dos caldos, seleccionados previamente por unha comisión entre as adegas das 10 parroquias. A xornada rematou cun xantar popular e tamén houbo xogos para os rapaces.
A Praza da Tenencia de Cenlle acolleu dende primeiras horas da mañá de onte a ‘Festa de exaltación do viño tinto’, organizada na súa cuarta edición polo Concello e a comisión de festas da capitalidade deste municipio de O Ribeiro con recoñecida fama polas uvas da citada variedade cromática.

Coincidindo co inicio da celebración, uns 40 rapaces e rapazas divididos en tres equipos participaron durante dúas horas nas actividades do ‘Día do deporte’, combinando probas atléticas, fútbol, baloncesto e balonmán con xogos autóctonos. O concelleiro de Deportes, Gabriel Alén, destacou a alta participación no programa que patrocinou a Xunta e que terá continuidade en anos vindeiros.

Xantar popular

Pero o que interesaba era a cata do tinto, e foron perto de 200 veciños e visitantes ós que se achegaron para degustar os 400 litros de viño que foron dispostos de xeito gratuito ó longo da mañá e ata o mediodía. E a xornada rematou cun xantar popular baixo unha carpa instalada na céntrica praza de Cenlle, onde uns 350 comensais deron boa conta -polo módico prezo de 10 eurosde xamón serrano; un cocido de lacón, chourizos, patacas e garbanzos, un postre de bica e café, acompañado polo viño tinto, auga e refrescos. Os membros da organizadores explicaron que ‘o viño que se utiliza para a degustación e o xantar é seleccionado por unha comisión técnica’.

Deste xeito, nas dúas semanas previas á celebración da festa de exaltación, os expertos percorren as adegas particulares dos veciños das 10 parroquias do municipio co fin de catar os tintos. ‘Finalmente, escóllense os catro ou cinco mellores ata conquerir entre tres ou catro mollos -entre 380 e 500 litrosque son os que se ofrecen gratis para a proba ós asistentes á xornada de exaltación’, sinalan.


Te puede interesar