Seis viños de O Ribeiro, entre os mellores de España en Asia

O concurso celebrado na cidade de Hong Kong para seleccionar os mellores viños españoles en Asia premiou seis marcas presentadas por dúas adegas da Denominación de Orixe Ribeiro. Concretamente, recibiu unha medalla de ouro (a única en adegas galegas) o viño 'Sameirás', de Antonio Cajide, adegueiro que tamén acadou unha de prata polo 'Sameirás 1040' e outra de bronce para o 'Sameirás Tinto'.
A Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro acompañou nos galardóns ó vinicultor da parroquia ribadaviense de Santo Andrés, ó gañar unha medalla de prata pola 'Colección Costeira 2009' e dúas de bronce, que premiaron as marcas 'Viña Costeira 2009' e 'Pazo 2009'. No caso de outras denominacións de orixe, tamén levaron medallas Rías Baixas e Valdeorras. Así, da zona pontevedresa, as adegas Pazos de Lusco e Terras Gauda levaron sendas medallas de prata polos seus respectivos viños 'Zios de Lusco 2008' e 'Abadía de San Campio 2009'.


TRES PREMIOS

Da mesma denominación, 'Laxas 2009', de As Laxas, e 'Lusco 2009', de Pazos de Lusco, recibiron medallas de bronce, mentres a adega valdeorresa Viña Somoza gañou outra de bronce pola marca 'Somoza, godello sobre lías'. O certame de viñosdesenvolveuse, na súa segunda edición, en Hong Kong, entre os días 16 e 18 do pasado mes de outubro, e nel participou un total de 378 viños do Estado español, dos que 192 recibiron medallas, deles un 15% de ouro, un 57% de plata e un 28% de bronce. Como dato curioso, cabe resaltar que o adegueiro Antonio Cajide levou unha medalla de ouro para Galicia polo único viño que presentou na primeira edición do concurso, e este ano decidiu presentar tres viños e recibiu premio por todos.

Te puede interesar