Auria lembrou a Blanco Amor

Eduardo Blanco Amor, ningún novelista galego foi mellor'. Sería o epitafio que para o escritor Bieito Iglesias mellor lle acaería ó creador do imaxinario da Auria
Onte era o día no que se cumprían 32 anos do pasamento do autor ourensán e ninguén quixo deixar escapar a ocasión para renderlle homenaxe. No cemiterio de San Francisco déronse cita personalidades coma o presidente da Deputación, José Luis Baltar; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; a concelleira de Cultura, Isabel Pérez; o director da editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, ou o presidente do Pen Clube (entidade organizadora), Luis González Tosar. Xunto a eles, numerosos rostros da política e a cultura ourensá, ademais dos alumnos do instituto que leva o nome de Blanco Amor. Previa á ofrenda floral, musicada pola Real Banda de Gaitas, foron pasando as palabras de loubanza á vida e obra do escritor, que resumiu a alumna Nuria Rodríguez nun repaso pola súa biografía ó que lle deu comezo cun anaco da obra cumio do ourensán, 'A Esmorga'.

No medio de todo, González Tosar lanzoulle unha petición á institución provincial e á editorial Galaxia para sacar adiante unha publicación dos fondos sobre Blanco Amor depositados na Deputación, sobre todo da parte epistolar. Baltar recolleu a petición afirmando que é algo que 'debemos facer' para revindicar a personalidade do autor, natural dunha cidade que 'pasou de ignorar a Eduardo Blanco Amor a sentirse orgullosa del'.

Te puede interesar