Caldo e roteiros no día de Rosalía

As vilas e concellos rurais envorcáronse en diversos actos conmemorativos polo 185 aniversario do nacemento da autora de “Cantares Galegos”, con obradoiros infantís e ata pintado de pasos de peóns con versos da recoñecida escritora

Roteiros, murais, versos, flores e ata un “Caldo de Gloria”, elaborado seguindo a receita que Rosalía describiu no poema “Miña casiña, meu lar”, lembraron onte a Rosalía na provincia, dende Bande ata A Mezquita, pasando por Allariz, O Barco, Celanova, A Rúa ou Vilar de Barrio, entre outros. Con caldo e poesía festexaron na vila de Curros e Celso Emilio o día da embaixadora das nosas letras. Preto dunha trintena de establecementos de hostalería introduciron nos seus menús o “Caldo de Gloria” para a ledicia da clientela. Tamén probaron o caldo no colexio Sagrado Corazón da vila onde os cativos fixeron ademais as súas propias cuncas con arxila blanca. A Fundación Curros Enríquez, da man do seu presidente Antonio Puga, estivo presente ademáis nos actos oficiais celebrados en Santiago.

Tamén lembraron a Rosalía cos seus versos e con pensamentos, flores do gusto da poetisa, no IES Lauro Olmo do Barco. Namentres que os cativos do colexio Pablo VI da Rúa protagonizaron a actividade “Rosalía entre nós”. En Bande, no IES Aquis Querquennis, o alumnado da Baixa Limia contou coa visita doutra escritora galega, Rosa Aneiros, dentro das actividades do Día de Rosalía.

En Allariz, onte parte da hostalería tamén ofertou o “Caldo de  Gloria”, o Día de Rosalía celebrouse con tres roteiros teatralizados dirixidos a estudantes e a veciños que, baixo o título “A historia de Allariz e a poesía de Rosalía van da man”, afondaron na vida da escritora coa vila alaricana como escenario. Na comarca da Limia, en Vilar de Barrio, lembrouse a autora de “Cantares Galegos” mediante a inscrición de frases en galego da autora nos pasos de peóns. Na Mezquita se presentou a tardiña o mural co rostro da autora no pavillón, e o Centro de Información a Muller (CIM) de Viana do Bolo  compartía nas redes sociais o vídeo onde veciños da localidade recitan poemas de “Cantares Gallegos”.

Te puede interesar