Cenlle acometerá a mellora dos accesos ao pobo de Casardomato

Alcalde de Cenlle foto Ribeiro
photo_camera O alcalde de Cenlle, Gabriel Alén.

O firme de acceso ao lugar encóntrase en mal estado polo que é necesario executar tamén a mellora da súa capa de rodadura. 

Os veciños de Casardomato, na parroquía de Esposende do municipio de Cenlle, contarán en próximas datas con mellores accesos. A este pobo unicamente se pode acceder por tres estreitas vías (dúas delas procedentes de outros núcleos da mesma parroquia) que conflúen nun pequeno espazo onde resulta moi complicada a manobra dos vehículos. Ademais, a vía principal, que parte da estrada autonómica OU-211, é unha estreita subida de pendente moi pronunciada que carece de pavimentación adecuada.

Por outra banda, o firme de acceso ao lugar encóntrase en mal estado polo que é necesario executar tamén a mellora da súa capa de rodadura. 

As obras consistirán en limpar e pavimentar a vía principal de acceso a Casardomato ata o cruce de camiños, mediante o bacheo con grava e o asfaltado de toda a súa superficie. Tamén se proxecta o arranxo da vía que une os núcleos de Casardomato e Santa Mariña. O orzamento non supera os 15.000 euros, pero trátase dunha obra necesaria para favorecer as condicións de tránsito e seguridade viario. 

Para a execución deste proxecto de mellora de accesos asinouse un convenio entre a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Cenlle, Gabriel Alén Castro, co obxectivo de proporcionar maior calidade de vida á poboación deste núcleo rural. n

Te puede interesar