Por primeira vez nos seus 15 anos de historia, o Festival de Cine conta cunha forte presencia nas principais redes sociais. En Facebook, son máis 540 os seguidores e, aínda que en Twitter a cifra é inferior, a participación é alta.

O cine, en 140 caracteres

Imaxe do perfil de Twitter do OUFF, onde a información se atopa en continua actualización.
O Festival de Cine de Ourense viu a luz no ano 1996. Daquela, ninguén escribía un 'tweet' nin sumaba amigos no 'libro das caras' que hoxe é unha das empresas máis potentes do mundo. Pero dende entón pasaron xa tres lustros e hoxe entréganse os galardóns número 16 do OUFF. Neste tempo, o xeito en que a sociedade se comunica xa non ten tanto que ver co da década dos 90. A era dos 140 caracteres, chámanlle á actual, por ser o texto máximo que permite Twitter.
Os dispositivos móbiles, hoxe chamados 'intelixentes', permiten un contacto permanente con cada titular que sae no mundo. Cada noticia é relatada ó segundo e os temas de internet (sobre todo os que comezan polo símbolo '#') pasaron a entrar nos telexornais. Dende a organización do Festival de Cine, composta en boa parte por xente nova, son conscientes da realidade actual e, para esta edición, decidiron entrar de cheo no mundo virtual.

O primeiro que fixeron foi crear un perfil de Facebook, no que suman 549 seguidores. Nel informan, sobre todo da realidade cotiá do certame cinematográfico. Gracias a unha aplicación que permite conectar esta plataforma con Twitter, non hai máis que escribir na última para que os datos aparezan nas dúas. Deste xeito, só é preciso escribir un 'tweet' para relatar o transcorrer do OUFF. O que contan son, principalmente, datos de interese para os espectadores. Unha das últimas entradas, por exemplo, informaba de que quedaran 'esgotadas as invitacións para a gala de clausura do #16OUFF'.

Aínda que o mundo virtual poida parecer, en ocasións, deshumanizado, detrás de cada unha das actualizacións atópase un pequeno equipo. O seu traballo é estar pendente dos detalles do festival e resumir o máis importante neses 140 caracteres. En Twitter acadaron os 152 seguidores e, no que vai de semana, publicaron máis de 120 entradas. Pode non parecer unha cifra moi ampla, pero o certo é que son fans moi activos. Ademais do extendido 'tweet', outro dos termos que trouxo esta nova plataforma foi o de 'hashtag'. Son aqueles temas a tratar que se identifican precedidos dunha 'almohadilla'. O do festival é '#16OUFF' e son moitos os que valoran os filmes participantes empregándoo.


COMPARTIR COCHE

Outra das iniciativas que entraron na actual edición foi a de compartir vehículo para chegar ata a cidade. As expectativas coas que partiu esta idea non eran moi esixentes e, por iso, consideran que está funcionando de xeito positivo. O obxectivo é contribuír á sostenibilidade do medio ambiente. Se alguén ten interese en empregar este servizo non ten máis que entrar no enlace que figura na páxina web do festival. Unha vez dentro de Comuto, a plataforma que o xestiona, terá que decidir cal das ofertas e puntos de orixe lle convén máis. Así de sinxelo.

Te puede interesar