Neste curso estase a implantar en Galicia o proxecto Abalar cunha valoración positiva dende os colexios e institutos

Corenta centros da provincia usan os ordenadores como apoio docente

A ninguén a estas alturas lle soa estrana a palabra 'Abalar', ese ambicioso proxecto anunciado pola Consellería de Educación que ía significar a gran revolución tecnolóxica no ensino galego, e para o que a Xunta anunciou máis de 12 millóns de euros.
Os destinatarios de Abalar estaban tamén claros: os colexios de Educación Infantil e Primaria recibirían ordenadores tódolos nenos de quinto curso. Nos institutos, primeiro da ESO foi o curso elixido para comezar a implantar a tecnoloxía nas aulas. O obxectivo tampouco presentaba lugar a dúbida: a integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) en toda a comunidade educativa.

Rematou xa o primeiro trimestre e comezou o segundo do curso 2010/2011. Cal é a día de hoxe a situación na provincia de Ourense? A resposta é que de transición, pero positiva, remarcando que o uso práctico de Abalar non é aínda pleno. Hai centros que recibieron o material para o alumnado aínda non o usa. A gran maioría agarda que se estea aproveitando tódalas súas posibilidades antes de que remate o ano escolar.

Dos 300 colexios e institutos que recibiron material de Abalar, pertencen á provincia 41 centros. A inversión total para Ourense foi de 1.450.000 euros, dos que se beneficiaron uns 2.000 alumnos. Cada centro recibiu un ultraportátil por alumno, un portátil por aula para os mestres, un punto de rede wifi, unha pizarra dixital, un proxector e un armario de carga para os dispositivos.

A gran cuestión, que non ten trascendido máis alá do eido educativo, é que facer realmente con todo este material. A idea de Abalar non é que os libros desaparezan, senón que se entende como un innovador complemento do ensino tradicional. Un complemento que ten o seu centro de apoio no 'Espazo Abalar', constituido como unha plataforma na rede con contidos relacionados coas materias propias de quinto de Primaria e primeiro da ESO. Os mestres poden descargar alí o material para as súas clases ou poden crealo eles mesmos e mostrarllo ós alumnos a través da pantalla interactiva. A maioría dos que se valen da iniciativa tecnolóxica optan por empregar as tecnoloxías como apoio da educación dos libros de texto.

A historia de Abalar está protagonizada por dous colectivos. Por unha banda, os mestres, que ata maio asistirán a clases de formación a cargo da Xunta. Con todo, hai quen considera, coma o director do Xesús Taboada Chivite de Verín, Juan Guerra, que 'comezaron a casa polo tellado' e que a formación debía ser previa á implantación, pero non lle cabe ningunha dúbida de que estes 'son os pasos que debe camiñar o ensino'.

Os outros protagonistas de Abalar son os propios alumnos. 'Encantadísimos' están no Curros Enríquez de Celanova, segundo afirma o profesor Juanjo Lamelas. A coordinadora do centro Blanco Amor de Ourense, Aurora Baldomero, coincide en expresión con Lamelas. O certo é que as clases resúltanlles máis amenas, porque 'os nenos de agora están moi educados no visual', afirma Juan Guerra. Ler, escribir e calcular seguen sendo, non obstante, os pilares fundamentais da educación, a pesar desta 'revolución pacífica' sinalada polo profesor celanovés, que sitúa a Galicia nas 'vangardas', segundo afirma o director do insituto das Lagoas, Afonso Vázquez-Monxardín.

Te puede interesar