‘A crise afecta ó teatro, pero a inacción da xunta complica a travesía'

O sector das artes escénicas ten alzado nos últimos tempos a voz para reclamarlle maior atención á Consellería de Cultura para unha mellor organización dos certames. Roberto Pascual foi elixido a mediados do ano pasado presidente da Asociación de Festivais de Teatro de Galicia (Afearte).
Como están atravesando os festivais de teatro esta travesía no deserto que é a crise?
A crise afecta, pero eu engadiría a falta de diálogo e a inacción por parte da Consellería de Cultura. A verdade é que nos fai a travesía moito máis complicada porque nos sentimos desamparados, desatendidos, con incertezas e dúbidas por festivais que están ás portas e non teñen ningún tipo de interlocutor. A estas alturas aínda segue sen haber director en Agadic, que é quen debe asumir as responsabilidades, é o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, que non nos recibe.

Entón a crise para vostedes non é só un problema económico.
É un problema de non querer resolver as cousas. Porque xa non pedimos que as axudas se manteñan ou medren, simplemente saber que vai acontecer, ter algún tipo de intermediario.

Recentemente, Afearte tivo unha reunión para analizar a situación global dos certames. Que conclusións saíron dela?
Elaboramos un comunicado para o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Nel expoñemos o noso descontento profundo respecto das axudas, que consideramos moi mal xestionadas porque non responden á diversidade dos festivais asociados. Todos merecen ser axudados pero atendendo á súa realidade específica. No escrito tamén pedimos que no 2013 se manteñan os 180.000 euros orzamentados o ano pasado, ben de adxudicación nominativa ou concorrencia competitiva.

A concorrencia competitiva era unha demanda do sector pero non gustou o xeito en que foi convocada. Por que?
Os criterios que publicou Agadic foron os que lle apeteceu e non coincidían cos que propuxemos. Ademais, eran os mesmos que os dos certames musicais e nada teñen que ver. Pero aceptámolos. Algúns festivais presentáronse e outros rexeitáronos porque o vían imposible. Denegóuselle ó Festival de Teatro Galego do Carballiño ou ó de Cee, que acabou desaparecendo. Fixemos unha análise profunda e decatámonos, para a nosa sorpresa, de certa perversidade, xa que os 180.000 euros orzamentados non se acabaron concedendo. Por certo, aínda están sen pagar e iso estanos provocando problemas. Ó final houbo unha merma na concesión porque non aceptaron algunhas facturas nin os patrocinios en especie. Foi todo unha inmoralidade de cara ó sector.

En termos xerais, como perciben dende a asociación o panorama de festivais galegos?
Pode ser mellorable, pero está establecido dende o ano 1983, con algunha incorporación posterior. Pero é diverso e creo que cumpre unha función moi importante porque os festivais internacionais teñen unha finalidade máis exterior e os galegos son de cercanía coa comunidade. Hoxe hainos de tódolos tipos.
Sobra algún?
Eu creo que non. Sobran ó mellor algúns políticos pero manifestacións culturais non sobran. A desaparición do de Cee, por exemplo, é unha noticia moi triste. Non só porque era un certame histórico senón tamén porque cumpría unha función social de dinamización e divulgación das artes escénicas na Costa da Morte, organizado pola compañía Talía Teatro. Isto é algo moi consolidado en países como Alemaña, ó que tanto nos queremos parecer. Debiamos copiar a súa xestión teatral, moi madura e cunha sólida experiencia.

E hai público suficiente en Galicia para todos eles?
Si, pero tamén o hai que agarda por ser chamado. O Consello da Cultura emitiu un informe da artes escénicas no que fala do “non público”, espectadores que non van ó teatro porque o descoñecen. Ó mellor non hai un bo plan de comunicación ou unha correcta seducción, pero ó mellor hai outros motivos. Hai que estudar cales son e operar na divulgación. Esa precisamente é a principal tarefa das administracións e non dicir que festivais deben permanecer e cales sobran, que é algo que deciden os espectadores.
Dentro deste panorama -crítico polo que vexo-, que papel xoga o teatro ourensán?
Ten unha realidade teatral moi potente a nivel de institucións como é a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, da que ninguén dubida que é a capital do teatro galego. Ribadavia segue tendo unha cantidade de espectadores impresionante e como festival é solvente, tanto a nivel económico como social. Despois está Sarabela, facendo un traballo moi importante de divulgación e formación no ámbito universitario. Ademais, aparecen novas compañías, coma Il Maquinario, dirixida por Tito Asorey, que demostra que os novos creadores son tamén emprendedores.

Afearte amosa que agora podemos pero, quizais en Galicia pecamos de non ter traballado o suficiente en rede?
Pode ser. Temos ese defecto do minifundismo que eu creo que vai no noso ADN. Non só xeográfico senón ás veces tamén intelectual e a verdade é que máis ca nunca fai falta unión. Pero creo que é algo que está a acontecer porque nós como asociación estamos dentro da Plataforma das Artes Escénicas, que aglutina a case todo o sector nun momento crítico coma este. Sentímonos totalmente desprotexidos e ó mellor esta é a oportunidade para afianzar esa unión. As institucións axúdanlle ó sector bancario ou ó automobilístico. Entón, por que non axudar tamén ó sector escénico? Se é igualmente productivo se se quere medir polo diñeiro. É edificante para o ser humano, porque hai outros valores ademais do económico.

Como director da MIT de Ribadavia, un dos festivais máis antigos de Galicia, cales diría que son as claves para que un certame perdure no tempo con identidade?
A clave eu creo que é precisamente reafirmar a súa identidade, o concepto de marca. É moi importante a comunicación, aparte por suposto da calidade do que se exhibe. Temos que botar man de tódolos nosos tesouros, pero tamén o xeográfico e de espazos de exhibición. Ribadavia ten un escenario fenomenal, que ás veces coarta o tipo de espectáculos que se poden ver aí, pero tamén ten cousas moi boas porque o auditorio do Castelo é máxico, ten unha excelente acústica e aforo para 900 persoas, que case sempre enchen.n

Te puede interesar