Cultura fará concertos en vilas e na cidade para potenciar o rural

Aínda que o presentaban como a programación musical da Consellería de Cultura para os próximos meses na provincia, o certo é que se limita a un concerto esta tarde no castelo de Ribadavia e ás actividades organísticas previstas no ciclo 'Espazos sonoros', así como un recital de flamenco no Museo Etnolóxico tamén na vila do Avia.
A primeira cita -hoxe ás 23,00 horas de xeito gratuíto- correrá a cargo da coruñesa agrupación Albéniz, a orquestra de pulso e púa máis antiga de España. O resto do programa terá que agardar ata mediados de setembro. Comezará con Marcos Teira no Etnolóxico nunha xornada na que se afondará na cultura vitivinícola e terá unha visita ó barrio xudeu.

O programa complétase cun obradoiro organístico infantil en Celanova o 21 de setembro. Alí pecharase o ciclo o 27 de outubro e a vila formará parte dun roteiro o día 22 de setembro xunto con Xunqueira de Ambía e a igrexa capitalina de Santa Eufemia, que rematará en Xunqueira cun recital de Marisol Mendive.

Neste sentido, o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, insistiu en que o obxectivo do seu departamento era o de 'poñer en valor o rural ourensán', referíndose ó ciclo 'Espazos Sonoros'. Porén, un deles será na cidade e outros dous en capitais de comarca.


HOMENAXE A ABRENTE

Ademais de presentar esta 'variada' programación -en palabras de Vázquez-, tamén anunciou unha homenaxe á asociación cultural Abrente de Ribadavia en colaboración coa Real Academia Galega, a publicación dun volume cos textos premiados na Mostra teatral da entidade entre 1973 e 1980, así como o compromiso da Consellería coa Mostra Internacional de Teatro a partir do ano 2014.

Te puede interesar