Diarios do pasado

Emiliano Aguirre na memoria

Recreación de Emiliano Aguirre nas Gándaras de Budiño.
photo_camera Recreación de Emiliano Aguirre nas Gándaras de Budiño.

Permítanme, queridos lectores, que me afaste da miña temática habitual. Considero que as circunstancias, neste caso lutuosas, aconsellan facelo. A pasada semana, mentres desfrutaba uns días de vacacións, sorprendíame o falecemento do paleontólogo ferrolán Emiliano Aguirre. Finou o 11 de outubro aos noventa e seis anos, e non quixen pasar por alto esta sección no xornal sen dedicarlle unha lembranza. O investigador, que se iniciaba cunha tese de doutoramento sobre elefantes extintos, foi premio Principe de Asturias e académico numerario da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales.

En Galicia retomou as escavacións sobre a etapa máis antiga da humanidade, o paleolítico, á que a investigación non se aplicou coa mesma intensidade que a outras etapas do noso pasado. De feito as publicacións anteriores remontábanse aos descubrimentos na contorna de Camposancos, na Guarda, dados a coñecer por J. Fontes, en 1925, e E. Jalhay, no mesmo ano, ademais de achados cerca de Tui publicados por Álvarez Blázquez e Bouza-Brey en 1949, ou na Garda, con traballos de M. Fernández Costas que ven a luz nos anos 1928 e 1930. Con Aguirre deu comezo un novo pulo investigador no xacemento das Gándaras de Budiño (O Porriño) en 1963, cun proxecto no que colaboraron as universidades de Wisconsin, con Karl W. Butzer, de Cambridge, con Desmond Collins, e do Museo Nacional de Historia Natural de París, con Pierre Biberson. A mala fortuna causada por alteracións nos sedimentos nos últimos momentos glaciares provocou que este xacemento, o máis emblemático de Galicia ata hai pouco tempo, ofrecera unhas datacións insólitas e anómalas para as ferramentas que aparecían. Arroxaba unha antigüidade de tan só 26.000 anos, cando a etapa real en que estivo habitado débese encadrar agora entre 200.000 e 300.000 años. Eran tempos nos que gran parte de Europa está habitada por unha especie chamada Home de Heildeberg, antepasado directo dos neandertais. Certamente, unha mala pasada na toma de mostras de carbono 14 non debe escurecer o traballo de campo, pese a que tales datacións foron utilizadas para argumentar un falso e crónico atraso de Galicia, xa na prehistoria.

A Emiliano Aguirre tamén lle debemos, entre outras actividades, a montaxe do museo de Ambrona, en Soria, coa exposición dos restos de Paleoloxodon antiquus -un elefante extinguido- e doutros fósiles expostos in situ. Pero quizais a labor máis transcendente, aínda que pouco coñecida nos medios, é que foi o pai intelectual do xacemento de Atapuerca, que xunto co andaluz de Venta Micena -Orce- deu un gran impulso ao coñecemento da ocupación humana na Península Hispánica, remontado a súa presencia ao millón de anos de antigüidade. El dirixiu as escavacións nestes importantes xacementos da serra burgalesa entre os anos 1978 e 1991, deixando o testigo aos actuais directores despois da súa xubilación. A historia do descubrimento foi, como noutros casos, case fortuíta. No ano 1976 o enxeñeiro de minas Trino Torres, atopara nunha das cavidades de Atapuerca, a Sima de los Huesos, restos humanos, comunicándollo a Emiliano Aguirre. Así comezou a investigación neste complexo de xacementos arqueopaleontolóxicos da serra de Atapuerca que hoxe están a dirixir Eudald Carbonell (arqueólogo), Juan Luis Arsuaga e José María Bermúdez de Castro (paleoantropólogos), o equipo de investigación interdisciplinar que herdou a iniciativa do recén falecido Emiliano Aguirre. Descanse en Paz.

Te puede interesar