ENTREVISTA/ VIDA

Emilio Rúa presenta "Querida alegría"

photo_camera Emilio García Rúa.

O cantautor ourensán presenta o seu sexto traballo, no que se mesturan cancións inéditas, versións doutros traballos e de temas populares, ademais de contar coa colaboración de Xestreu, Carlos Blanco, Kepa Junquera e Daniel Minimalia.

Lonxe queda cando Emilio Rúa deu comenzo no mundo da música aos sete anos no grupo Concorde Atenea formado polo seu pai e os seus catro irmáns e co que percorreron Galicia e as zonas limítrofes de Castela, Asturias e Portugal. Agora, o cantautor ourensán presenta o seu sexto traballo: "Querida alegría" no que se mesturan cancións inéditas, versións doutros traballos e de temas populares, ademais de contar coa colaboración de Xestreu, Carlos Blanco, Kepa Junquera e Daniel Minimalia. Un traballo que rezuma positivismo e ledicia e que promete converterse nunha banda sonora imprescindible.

Cóntenos, que se recolle no seu útlimo traballo “Querida alegría"?
É un disco de 10 temas e dous bonus track que recolle temas inéditos, cancións adaptadas doutros discos meus e versións de temas populares. Conta, ademais, con colaboracións de Xestreu en temas como "Miudiño" ou Kepa Junquera en "Pousa", entre outros. Tambén colabora Carlos Blanco e Daniel Minimalia

A que se debe o título do traballo?
"Querida alegría" é un modo de dar optimismo a un disco nun momento que, quen máis quen menos, atravesou o atravesa dificultades. É un xeito de dar luz a estes días. 

Como ten evolucionado Emilio Rúa dende os seus inicios ata hoxe en día?
Pois teño escoitado moita música diferente e sempre ligado un xeito ou doutro ás tendencias do momento pero sen caer no máis comercial, tentando levar á música galega a actualidade e modernidade. Teño feito nos meus discos producións que van desde o máis puro estilo cantautor pasando polo jazz, soul, brasileiro, pop, folk,… Pero sempre sigo fiel ao meu estilo, o que para min é un orgullo.

Nos seus traballos mestura temas inéditos e versións, a que se debe?
No referente ás versións sinceramente por que creo no legado musical que deixan os compositores e compositoras, por que son cancións que dalgún xeito se senten como propias… eso é moi enrriquecedor para o que crea e para o que versiona. E temas inéditos por que sen a creación un séntese incompleto.

Nos temas propios, en que se inspira? que busca transmitir?
O amor… en todas a súas dimensións. O amor a miña vida, a miña xente, a miña terra galega, a miña amada, a miña lingua… tal vez o amor propio que é o que nos fai a cada un de nós únicos…non confundir co ego.

Que é o que o decanta por facer unha ou outra versión?
A grandeza da mesma e a propia canción… e poder levaba ao meu terreo. Que conserve a orixinalidade pero que cambie a forma.
Como definiría o seu estilo?
Emilio Rúa... non hai outro penso.

Coa súa música, que busca transmitir?
O ser humano que creo ser… eu non actúo nunca…para ben ou para mal o Emilio que canta no escenario é o mesmo que camiña polas rúas e así quero que sexa sempre.

Cales son os seus proxectos máis inmediatos?
Estrenar este sexto disco "Querida alegría" no que colaboran Kepa Junkera, Daniel minimalia, Xestreu... e moi pronto, este ano 2016, editar o meu séptimo disco de duetos con artistas como Víctor Manuel... música galega con grandes duetos da música española. Serán 14 temas que levan o seu tempo xa que hai que coordinar a moita xente e quero que saia perfecto, e, para eso, mellor facelo con calma.

Te puede interesar