ENTROIDO PROVINCIA 2018

As “féminas" de Xinzo e Celanova adiántanse ás Comadres de Verín

18.02.17.CELANOVA.CLAUSTRO SAN ROSENDO.CENA COMADRES.
photo_camera Mulleres na cea de Comadres de Celanova na edición de 2017.

Os homes que queiran sumarse deberán vestirse de muller este sábado

As mulleres serán as protagonistas esta fin de semana dos festexos do Entroido nas localidades de Celanova e Xinzo da Limia. A vila de San Rosendo festexará, na tarde-noite de mañá sábado, a décima edición da "Cea-Baile de  Comadres" no salón de actos do Claustro Barroco. Unhas 150 mulleres anotáronse xa ao festín gastronómico, aínda que sempre hai quen se apunta a última hora. A celebración arrincará á tardiña coa ambientación musical de grupos e charangas polas rúas da localidade. Integrantes que amenizarán o baile que, a partir da medianoite, estará aberto a toda a poboación co único requisito de asistir disfrazados, os homes de muller.

A cita animará a moitos grupos de amigos a celebrar as súas propias ceas de Comadres e  Comprades en bares e restaurantes do municipio.

O Entroido de Xinzo continuará mañá coa Noite de Corredoiro ou "Noite Fémina". Os bares e restaurantes da capital comarcal agardan un cheo absoluto nunha das citas destacadas do ciclo. Todas as persoas que desexen participar da festa deberán facelo vestidas de muller, para disfrutar dunha das veladas que se prevé máis divertida. Mañá sábado, ademáis, será a primeira vez este mes no que se poidan ver as Pantallas. Sen embargo, non será ata o Domingo de Corredoiro cando teña lugar a súa primeira xuntanza na Praza Maior. Será a partir das 12,30 horas. 

Durante a Noite de Corredoiro as charangas "Mania" e "Achicoria" poñerán a nota musical dende as 21,30 horas ata ben entrada a madrugada. Xa o domingo, a charanga "La Nota" e a limiá "X.L." animarán a festa na vila. 

A troula retomarase o vindeiro venres, día 9 de febreiro, cun gran desfile infantil. 

Te puede interesar