Festa dos Maios

A Festa dos Maios contaxia tamén aos máis novos de Ourense

Xa quedan dúas semanas para a celebración dos Maios e moitas asociacións, como Amencer, están en pleno preparativo: “Aos cativos chámalles a atención, queremos que perviva unha tradición tan ourensá”

A cidade empeza xa a arrecender a maio. Moitos colectivos levan tempo xa ou están a comezar a preparar o seu propio maio, esas creacións tradicionais que amosan a feliz irrupción da fértil primavera, cunha manchea de elementos decorativos que enchen de colorido, abundancia e máxico encanto as rúas ourensás o primeiro domingo deste vindeiro mes. 

Este luns foi a quenda dos voluntarios da Asociación Xuvenil Amencer, que estarán, un ano máis, na súa cita cos maios na rúa do Paseo. Comezaron a preparación da súa creación, que esta vez será a recreación da fachada da capela dos Remedios. Desta volta, é un maio moi “internacional”, como define Xulio César Iglesias, xerente da asociación. Uns voluntarios italianos están de intercambio na asociación e están a coñecer de primeira man esta tradicional festa ourensá, colaborando na súa creación. 

“Desta vez comezamos con bastante tempo, outras veces deixabámolo para a última semana”, celebra Iglesias. Ademais, esta vez teñen a dona Pura, veciña de Rabo de Galo e unha experta nisto dos maios, que os está a asesorar. Van a por todas, pero eles non o fan por gañar o premio. “O ano pasado conseguimos involucrar a 60 mozos, e este ano empezamos 7 ou 8 e cada vez máis xente vaise apuntando, uns traen musgo das súas fincas, outros están coas coplas... O noso obxectivo é contaxiar aos xoves desta festa, para que continúen con ela. É curioso como en plena era tecnolóxica, isto chámalles moito a atención”, relata Iglesias. 

A estrutura xa está montada, e o esparto colocado, agora queda o cosido do musgo, a decoración da plataforma, os adornos con bugallos, brión, xestas… Hai tempo por diante, pero, sobre todo, moitísima ilusión por contaxiar ilusión. 

Te puede interesar