Os Maios invadiron Ourense

Os roedores do Casco Histórico, os “Bonos comercio” roubados ou as termas pechadas nas que o cantante Omar Montes si que se bañou protagonizaron as coplas da festa ourensá. O Carrabouxo, por partida dobre, acaparou as fotos.

Nin as monxas faltaron aos maios. As mulleres da residencia San José colocaron o primeiro maio da festa: un labrego porque, máis dunha, sabe ben o que é ter moito que segar. Sen perder elegancia, amarraron as alxibeiras sobre o traxe para poñer a bo coidado os cartos das coplas. Non sabemos se irán en A ou en B, pero nos Maios non importa. A festa da benvida a primavera en Ourense puxo colorado a máis dun turista: “Señora, as coplas hai que pagalas!”.

Quen pagou duro foi o actual equipo de goberno, e non só polas coplas que Jácome e parte do staff lle compraron aos rapaces para facerlle a donación que corresponde. Os “bonos comercio” roubados, as ratas do Casco Vello, as termas pechadas e os ascensores a ningunha parte protagonizaron os cánticos. Tamén houbo para o presidente da Deputación: as filipinas da cidade, que levan desde o 2010 facendo o seu maio internacional, dixeron que “a velocidade é moi mal camiño”.

“Até me da noxo, as ratas nos Viños, pra facer bocatas, así ben quentiños. Así ben quentiño, estaba nas termas, de non ser pechadas por estes palermas. Por estes palermas, amantes do trono, que deixan que rouben, á xentiña o bono”, cantaban uns que se fixeron chamar Maio sempre maio.

Ás ratas tamén lle cantaron os da asociación Auriense. Seica na rúa Pizarro están fartos. “O señor do trono, só sabe de festas, e de darse baños, con frikis nas termas”, queixáronse.

Tamén se acordaron do termalismo os do PSOE. “As termas pechadas, só se baña Omar Montes, logo non lle paga. Hai que ser ben rata, así nos ten o Casco Vello, todo feito unha braga”. O candidato socialista, Paco Rodríguez, foi un máis.

Aínda que non levaron maio, tamén se deixaron ver pola rúa do Paseo o resto de aspirantes a alcaldía: Manuel Cabezas, do PP, que prometeu devolver a Ourense as súas tradicións e Luis Seara, do BNG, que se retratou co maio do Carrabouxo.

Os rapaces do 12 de Outubro acapararon as fotos. O Carrabouxo faise querer. Ata o dono, o humorista gráfico Xosé Lois González, se puxo a ensaiar as coplas para cantalas xunto ao maio cheo de viñetas que fixeron os estudantes. Tamén se retratou co Carrabouxo de gran tamaño que fixeron os da asociación Amencer. Confesa que a cabeza non lles quedou moi alá, pero ben feito está.

Os de Cudeiro, clásicos, levaron un maio sementando as patacas. Porque máis dun sabe o que é agachar o lombo, que, ao final, iso é o que lle veñen pedindo aos políticos en cada Festa dos Maios.

O Concello premia aos sementadores de patacas e un peto de ánimas de Arnoia

Os Lolailos e Silvia Pinha obtiveron os primeiros premios do concurso de maios convocado polo Concello. O premio ás mellores coplas (300 euros) foi para Bernardo J. Marques na categoría de persoas adultas e para A. C. Nova Fronteira na infantil (300 euros). Na rúa do Paseo expuxéronse 41 maios.

Na categoría de maios artísticos, o primeiro premio (900 euros) foi para o Peto de Ánimas de Arnoia, de Os Lolailos; o segundo (700 euros) para Sementando patacas, de Óscar López González e o terceiro (500 euros) para os Gaiteiros de Velle.

Na categoría tradicional, o primeiro premio (600 euros) foi para o Maio Ínfimo, de Silvia Pinha; o segundo (400 euros) para o IES 12 de Outubro e o terceiro (300 euros) para a Asociación Cultural Auriense.

Nos maios infantís, o primeiro premio (300 euros) foi para o Maio Bubuxas, de Silvia Pinha; o segundo (200 euros) para o Maio da Ponte e o terceiro (100 euros) para A Galleira. 

Te puede interesar