O acto no futuro xardín bulevar serviu para presentar un libro sobre o BIC das Burgas e un colgante

Garza despídese loubando o traballo dos edís que cesaron

Rodríguez Nóvoa, Rodríguez, Pérez, Soto, Espinosa e Iglesias escoitan a intervención de Garza. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
A presentación do libro 'As Burgas, Ben de Interese Cultural' e do colgante co que Sargadelos reinterpreta o camafeo de vidro romano aparecido nas excavacións das Burgas converteuse finalmente nun acto de despedida en toda regra da aínda concelleira en funcións de Comercio, Turismo e Termalismo, Ana Garza.
Unha despedida á que, nembargantes, non se quixo sumar ningún dos tres concelleiros nacionalistas elixidos para o próximo mandato, evidenciando unha vez máis a tensa relación do grupo municipal do BNG. Si acudiron ó acto o alcalde en funcións, Francisco Rodríguez, e concelleiros de Corporación como Áurea Soto, ademais doutros que se despediron xa, como Manuel Herminio Iglesias, Iolanda Pérez, o socialista Demetrio Espinosa e o popular Javier Rodríguez Nóvoa.

O libro ten como función principal ensalzar a declaración, en febreiro de 2007, das Burgas e o seu entorno como Ben de Interese Cultural, unha decisión política que, para Garza, implicou que 'a longa noite de pedra á que as Burgas estaba sometida non fora infinita'. A concelleira en funcións alabou ó seu propio partido pola 'responsabilidade' que exerceu nesa declaración de Ben de Interese Cultural nomeando a Xosé Carlos Sierra (ex delegado de Cultura), Ánxela Bugallo e Anxo Quintana. Asimesmo, valorou a defensa que, ó seu xuízo, fixo das Burgas e do termalismo, nun labor no que salientou o traballo dos ex tenentes de alcalde, Alexandre Sánchez Vidal, Andrés García Mata e o ex director xeral de Turismo, David Cortón.


FUTURO BULEVAR

Como o acto tivo por escenario parte do futuro xardín bulevar das Burgas, que aínda está sen rematar na súa totalidade, non faltaron as referencias á mellora da zona, coa piscina termal e o que será 'unha gran zona verde e tamén un museo vivo da historia termal da cidade', xa que contará cun centro de interpretación dos achádegos na zona. Xa nas súas palabras finais, Garza recoñeceuse 'afortunada e privilexiada por ter posto o meu grao de area na cidade' e agradeceu o apoio do alcalde, quen so interviu para recoñecer o 'traballo, ilusión, enerxía e compromiso' da concelleira.

Te puede interesar