ENTREVISTA

“Os investigadores marchan fóra, e un día darémonos conta de que aquí non hai nada"

20140731_190746

Gerardo Domarco é físico, enxeñeiro e investigador

Os 76 anos de Gerardo Domarco non son obstáculo para manter activa unha interesante traxectoria como director de teses no Campus de Ourense. A vida deste físico e enxeñeiro de Parada de Amoeiro pasou por Alemaña, Francia e España, e rematou no punto de partida, onde aínda exerce como investigador no Parque Tecnolóxico.

Como comeza a súa historia?
Eu era un dos catro fillos dunha mestra e quería estudar Enxeñaría, pero naqueles tempos non había posibilidades en España, co que marchei a Múnich en 1959 cos cartos que me deu meu tío, que era o cura de Bóveda, en Amoeiro. Ao non saber alemán, tiña que falar en latín cos curas dalí. Despois de dous anos nos que traballei e aprendín o idioma, matriculeime na Universidade de Múnich para estudar Física, onde se ofrecían traballos para aqueles alumnos con poucos recursos e cheguei a traballar como actor radiofónico nunha radio da Baviera.

Alí tivo un premio Nobel como profesor de universidade...
Fun alumno de Walther Gerlach, que fixo importantes investigacións con Otto Stern en física cuántica, co que recibiron o premio Nobel grazas ao "efecto Stern-Gerlach". Era un home moi humilde, que me deu prácticas en primeiro de carreira. Eu quedei prendado deste home, tiña moito mérito, porque eramos 1.500 alumnos só no primeiro curso sentados nun enorme anfiteatro.

Rematou os seus estudos en Múnich?
Non, antes trasladeime a París. Un compañeiro díxome que era o mellos lugar para rematar a carreira e traballar. Matriculeime no Conservatorio Nacional das Artes e os Oficios, que era unha escola de enxeñeiros para traballadores, é dicir, para inscribirte, tiñas que formar parte dunha empresa e entregar a túa ficha de pagos. As clases comezaban ás cinco da tarde, cando remataba a xornada laboral. Convalidáronme as asignaturas que estudara no primeiro ano en Múnich e rematei Física alí. Había un nivel moi bo, o que demostraba que un traballador é un alumno bo, que non vai perder o tempo.

Quedou sen facer Enxeñaría?
Non, nada máis rematar no Conservatorio, matriculeime na Universidade de París, onde me convalidaron a meirande parte dos meus estudos e fíxenme Licenciado en Física. Tiven sorte co goberno de De Gaulle, xa que había unha lei para todos os traballadores, franceses ou non, pola que se tiñan tres anos de experiencia laboral podían optar a unha mellora financeira para ampliar estudos equivalente ao maior soldo que percibiran. Traballara máis de catro anos e tíveno moi fácil para estudar alí, así que logrei licenciarme en Enxeñaría de Materais e en Enxeñaría de Máquinas e Motores, non sen antes participar no movemento de maio do 68. Ao mesmo tempo, traballei na investigación de crioalternadores, de menos que os alternadores das centrais eléctricas e capaces de producir a mesma enerxía. Este eido, a superconectividade, segue a ser a miña liña investigadora.

Cando voltou a España?
Eu casara en Múnich e tiven os meus dous fillos en París, e cometín o erro de volver a España no 76. Convenceume a familia de mudarme a Madrid, onde se me prometeu un traballo como enxeñeiro na Citroën. Tardaron dous anos en chamarme, e mentres, eu constituín unha empresa, Frío Industrial, coa que me foi moi ben. Coa chamada da Citroën, regresei a Ourense, onde traballei na fábrica que funcionaba no Polígono de San Cibrao. Gañaba menos que en Madrid, pero a compañía funcionaba.

Pero as cousas non foron todo o ben que quixera. Que sucedeu?
Un día díxonos a empresa que van facer unha reorganización dos traballadores, e como nós nunca demos problemas de folgas, decidiron botarnos á rúa. Tomáronnos polos máis dóciles e equivocáronse, porque mantivemos secuestrada durante catro ou cinco días á directiva de Citroën en España cando viñeron a botarnos. Soltámolos baixo a condición de que non se despedira a ningún traballador, pero non cumpliron coas promesas porque argumentaron que foron baixo coacción. Fomos a Porriño a estragar varios coches e, como non cederon, uns douscentos decidimos pecharnos na Catedral de Santiago, o que lles impediu ter misas. Eu era delegado sindical e rexistraba cada semana unha denuncia contra a Citroën.

Despois destas reivindicacións, por fin marchou da empresa, e apareceu a Universidade...
Tras anos de liortas, acordei marchar da empresa por unha indemnización. Completei o meu doutoramento e logrei entrar por oposicións na Universidade de Vigo no 95, onde estiven como profesor de Física do Campus ata 2008, cando a Xunta suprimiu os estudos. Dende entón, traballo como director de teses doutorais nun laboratorio no Parque Tecnolóxico, onde xa tutoricei a catro rapaces e teño en marcha proxectos de superconectividade que poden ser de moito interese.

Científico e emigrante, identifícase cos mozos de hoxe en día?
Ser científico non é só sacar unha titulación, xa que despois está o traballo investigador no laboratorio. E este Goberno non parece darse conta do importante que é manter aos seus investigadores. Aquí hai investigadores de primeira categoría que marchar ao estranxeiro, e chegará o momento no que nos daremos conta de que aquí non temos nada.

Te puede interesar