Nace unha asociación no Ribeiro co fin de loitar polo desenrolo social e cultural

A potenciación do desenvolvemento socioeconómico e cultural dos pobos do Ribeiro é o obxectivo principal da asociación Castela Auriense, nada na localidade de Berán, en Leiro. Unha das primeiras metas é conquerir o recoñecemento do ‘Camiño Xacobeo’ que atravesa a comarca vitivinícola.
A organización de encontros, xornadas, foros de estudio históricos e sociais, actividades culturais e obradoiros artesanais configuran o método de traballo da asociación Castela Auriense, recentemente constituida na localidade de Berán, en Leiro.

Esta agrupación recolle a denominación que na Idade Media tiña a comarca do Ribeiro de Avia, ‘e nace co convencemento de que a cultura, no seu sentido amplo, é o mellor recurso económico que temos, e coa ilusión de que ó valorizar a cultura na nosa comarca estamos colaborando no seu desenvolvemento económico’, apunta o presidente do colectivo, Xoán Pablo Lorenzo. Deste xeito, engade que os obxectivos son ‘a potenciación do medio natural e da historia, arqueoloxía e demáis manifestacións de tipo cultural, así coma o desenrolo económico das poboacións, favorecendo a participación social’.

E unha das primeiras metas de Castela Auriense é conquerir o recoñecemento oficial do antigo ‘Camiño Xacobeo’ que cruzaba as terras do Ribeiro. Neste sentido, a proposta xa conta coa aprobación das corporacións locais de Cortegada, Castrelo de Miño, Ribadavia, Boborás e Avión, municipios que atravesa o itinerario xunto con Beade e Leiro, entre outros.

Por outra banda, a asociación tamén reclama das institucións políticas a conservación dunha necrópolis medieval que foi localizada por expertos na parroquia de Orega, en Leiro. Os responsables do colectivo consideran que esta zona está ameazada polo auxe das explotacións de canteiras graníticas, que poden dañar o asentamento.

Te puede interesar