ENTREVISTA

Nava Castro: "Ourense pode ser unha marca e a chegada do AVE é a gran oportunidade"

Ourense. 16-07-15. Local. Entrevista a Nava Castro.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Nava Castro, o xoves na Delegación da Xunta en Ourense. (XESÚS FARIÑAS)

A Secretaria Xeral de Turismo está convencida da capacidade de Ourense para converterse nunha marca relevante na oferta turística galega, mesmo española

Nava Castro está convencida da capacidade de Ourense para converterse nunha marca relevante na oferta turística galega, mesmo española. O primeiro cometido da Secretaria Xeral de Turismo é persuadir aos diferentes actores, públicos e privados, institucións e cidadanía, de que si se pode. E na súa prédica pon énfase no papel da Xunta: "Nós estamos aí. Estamos detrás. Sempre. Para o que faga falta".

Nava Castro pasou esta semana por Ourense para presentar o xoves o programa de verán no removado Castelo de Monterrei e entrevistarse có alcalde da capital, Xesús Vázquez. Onte subíuse ao tren da Ruta do Viño de Monterrei.

Cando abrirá Paradores a parte que se destina a hotel no Castelo de Monterrei?
Paradores ten desde hai un mes o Castelo e o Pazo dos Condes. Nós recibimos a obra e a documentación do concello e rematamos. Está todo listo para que eles equipen o establecemento, que é o que están a facer. Abrirán cando o consideren. Creo que será inmediatamente, pero non podo precisar cando.

Facía falta outro hotel en Verín?

Si. Hai demanda de máis prazas, e ainda serían precisas máis, pero corresponderalle dar ese paso á iniciativa privada. Ese novo parador é un conxunto, é una xoia. Igual ca outros que funcionan en España. Queremos que sirva de reclamo para o turismo na bisbarra. Eso é o importante. Si se quere ver, claro. O resto... Mire, segue sendo público, segue sendo un Ben de Interese Cultural, e haberá visitas. O único que non se pode visitar son as habitacións para os clientes. Todo o entorno, as torres, segue sendo público, con visitas guiadas. Si se visita de verdade, vese claramente como gañou o conxunto da acrópolis de Monterrei, o ben coidado que está e coma os usos que se lle dan van asegurar a súa conservación durante moitísimos anos. A obra está bastante ben.

Outro equipamento pendente, o da innivación, os canóns de neve para Manzaneda. Cando estarán operativos?

O primeiro que hai que ver é o proxecto. Logo hai que ter o permiso de Medio Ambiente, que require exposición pública do proxecto e non leva menos dun ano. Se somos moi rápidos, oito meses. A innivación non vai ser para xa. Sería moi precipitado. Manzaneda terá que esperar polos canóns de neve un ano máis. Porque no só está o proxecto técnico. O que se propoña terá que ser viable, é dicir, rendible. Có informe técnico e có plan eco- nómico iremos aos bancos a pedir financiamento.

Cando estarán listos eses informes?
A concesionaria seguro que terá o borrador do proxecto para finais do verán. En setembro ou outubro levarémolo ao consello da Estación de Manzaneda. Farase e falaremos cós bancos. E se non é suficiente, loxicamente sempre estará a Xunta detrás.

Apoiará con cartos a Xunta esa inversión?
A Xunta sempre estivo aí, e estará. Somos socios, e xa tivemos que facer fronte ás perdas. Sempre estivemos e imos seguir estando. En Manzaneda fixemos inversións importantes: no mantemento, nas obras no restaurante, na cafetería, na piscina, nos apartamentos, na tirolina. Estou convencida de que a estación ten moitísimas posibilidades. Aquela imaxe de Manzaneda obsoleta está borrada. Hai que ir alí e darse conta de que xa é outra cousa.

A gran aposta segue a ser o ter- malismo?
No que se refire a cidade, o primeiro é o plan termal, si. Neste caso somos moi activos, porque xa temos todos interiorizado o que hai que facer. Pero gustaríame que ao final se lograse ese ansiado hotel, porque falar de capital termal sen contar cun hotel balneario semella un pouco contraditorio.

Que outras liña e abrirán na cidade?
Paralelamente ao plan termal, vemos unha oportunidade na Vía da Prata, na promoción dos outros camiños cara a Compostela. Eses peregrinos que a xente pensa que son simplemente peregrinos e non se tratan da mellor maneira... Temos que pensar en dispoñer servizos para eles porque son uns grandes prescritores. Debemos ter en conta que hai unhas trescentas asociacións do Camiño de Santiago por todo o mundo, con máis de 80.000 persoas. Eses son os prescritores que aconsellan facer o Camiño, como se ten que facer, por onde.

Inverterá a Xunta máis recursos na Vía da Prata?
Estamos por inverter máis recursos. Temos competencia e estamos achegando uns 250.000 euros ao ano para o mantemento da Vía da Prata, e logo están os albergues. Pero iremos máis lonxe. Estará no plan director do Camiño que se presentará pronto. Aquí, en Ourense, pretendemos crear a Mesa do Camiño. E gustaríanos que dentro das alternativas do Camiño, a Vía da Prata se especialice na ruta a cabalo.

O proxecto máis avanzado e o da declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Huma- nidade?

Desde a Xunta estamos traballando có Consorcio da Ribeira Sacra e somos proactivos. Estamos incidindo en que se mellore a imaxe da paisaxe a través de diferentes convenios cós concellos dunha e doutra provincia. Levamos un traballo avanzado, si. 

Ve posible ou necesario que en Galicia se introduza unha taxa ao turismo?
Si se chegara a falar dunha taxa ao turismo sería sempre de acordo có sector. Nunca unha taxa contra o sector. Aquí non se está pensando nunha taxa. Eu creo que calquera intervención debe dirixirse como no caso da praia das Catedrais, mirando pola conservación da paisaxe, un turismo sostible práctico.

Ten capacidade a Xunta para converter a Ourense nunha marca turística?
A capacidade tenna Ourense, a iniciativa pública e a privada. A chegada do AVE, dentro de nada, é a gran oportunidade de Ourense para ser unha marca turística. Ten que saber recibir a eses turistas. É xa, é urxente e por iso temos que estar preparados.  

Te puede interesar