Pereiro mellorará a iluminación na urbanización de Tapada de Bouzas

O Concello do Pereiro de Aguiar mellorará, segundo o seu alcalde, Luis Menor, a iluminación nas urbanizacións de Tapada de Bouzas e Veiga de Abaixo. Estes traballos beneficiarán a máis de 800 veciños e o cambio das luminarias tradicionais a led suporá un “importante aforro enerxético”.

A actuación, licitada por preto de 135.000 euros, está cofinanciada entre o Concello e a Deputación. Esta axuda por parte do ente provincial chega porque o Pereiro non puido acceder ás axudas do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), argumentando este organismo que o orzamento para esas axudas estaba esgotado.

Luis Menor asegurou que “acometemos este proxecto nas dúas urbanizacións, que constitúen dous dos maiores núcleos do concello, conforme aos informes técnicos para lograr maximizar os beneficios da inversión chegando ao maior número de persoas e tendo en conta o aforro que se consegue coa mesma”. Así mesmo, subliñou que as obras comezarán “de inmediato” e garantizou que os veciños de ambas urbanizacións terán estas novas luminarias funcionando antes de final de ano.

Por último, o rexedor do Pereiro asegurou que tratarán de acceder a novas convocatorias do IDAE para facer a transición a led “o antes posible” en todas as lumniarias do concello.

Te puede interesar