Unha praza contra a soidade

A soidade non desexada é unha circunstancia que pode afectar en grande medida á saúde física e mental da cidadanía de idade máis avanzada, que busca remediala en lugares públicos nos que tomar contacto co seu círculo social.

Este caloroso mes de agosto, as prazas e parques convértense en refuxio sobreado para os nosos maiores, veciños que na súa senectude pasan o tempo e socializan nestes puntos de encontro para estar ao tanto das novas e das vida de familiares e amizades. Ás idades máis avanzadas, o tema adoita xirar arredor da saúde de presentes e ausentes por igual e, de cando en vez, sae o tema da soidade, unha das situacións que viven moitos anciáns nunha das provincias máis envellecidas do país.

Nos bancos do parque da Ponte xúntanse grupos de homes e mulleres  de máis idade para xogar ás cartas e poñerse ao tanto da familia e dos achaques de cada un. As veciñas deixan a partida de naipes para sinalar o estado de descoido das instalacións e da vexetación, elementos dun dos poucos lugares públicos nos que poden socializar e distraerse ao aire libre. Dulce Crespo declara que “moita xente que está incapacitada” e, para gozar de compañía no parque precisa ter acceso aos baños, moitas veces pechados.

No grupo de xubilados son conscientes dos inconvenientes de vivir só, polo que, entre todos, forman un núcleo no que “falar da familia, contar bromas e saber como vai a vida”, como explica Rosa Conde.

Ademais, Conde quéixase do problema que virá nas estacións frías: nos arredores non existen centros sociais onde poder agruparse e ter contacto con servizos básicos como baños ou unha cafetería. “A maioría da xente de aquí vive soa e na casa non teñen facilidades que podemos ter outros”, comenta, preocupada polos coñecidos en inverno teñen que pasar máis tempo na casa e perden contacto coa xente, cos riscos supón.

José María Faílde, o presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía de Xeriatría, prefire falar de “soidade non desexada”, que define como “un tema de grande preocupación que pode ter un impacto moi negativo na saúde”. “Pode supoñer vivir menos anos, ter peor calidade de vida e que haxa unha maior prevalencia de trastornos mentais e  enfermidades”, sinala.

Faílde sinala que a perda de nexos sociais é unha parte inevitable de facerse maior: “A medida que envellecemos a nosa rede de contactos redúcese e, con isto, tamén pérdese a posibilidade de ter preto persoas que atendan ás nosas necesidades físicas”.

Para  atenuar esta adversidade progresiva, Faílde suxire dous tipos de medidas: o envellecemento activo e a creación de cidades amigables. Primeiro, anivel individual, é preciso aprender e aplicar  unha actitude “proactiva” de cara ao coidado da saúde e das relacións sociais, un proceso que abarca toda a vida e que afecta ao estado físico e ás amizades da senectude.

“As persoas envellecen como viven: en función da historia pasada teñen máis ou menos relacións persoais”, resume.

A segunda medida, de carácter social, é o deseño e a consecuente construción de cidades e infrastruturas que faciliten as interaccións interpersoais e as relacións interxeracionais, de maneira que non aparezan “guetos” nin comportamentos “idadistas”, nos que haxa discriminación cara os maiores.

Na cidade observamos que existe un maior contacto  e máis relacións entre diferentes xeracións nos barrios máis alonxados do centro”, conclúe, sinalando a presenza de máis  nodos de reunión urbanos nestas áreas, fóra du bulicio onde as vías son zonas de tránsito e consumo.

OS DATOS DA SOIDADE

Segundo os informes máis recentes (do 2020) da Enquisa Contínua de Fogares do Instituto Nacional de Estatística (INE), en España existen 2.131.400 vivendas habitadas por unha soa persoa maior de 65 anos. Esta cifra supón un 43,5% de todas as casas unipersonais, cifradas en 4.899.900 no país, e representa un 11,4% do total de fogares, uns 18.689.800. Dende 2015, a proporción de casas nas que viven personas maiores soas aumentou un 1,3%.

No que respecta a Ourense, o Instituto Galego de Estatística indica que hai 17.275 vivendas habitadas por unha soa persoa maior de 65 anos, o 13% das 132.900 fogares da provincia.

Te puede interesar