NOVO MAPA XUDICIAL EN OURENSE

O presidente da Audiencia de Ourense advirte das consecuencias para o rural galego se se suprimen xulgados

Ve vantaxes na norma como o aumento de capacidade e rendibilidade pero subliña que a Xustiza é "máis que un servizo público

O presidente da Audiencia Provincial de Ourense, Fernando Alañón, advirte das consecuencias que terá para o rural galego o anteproxecto de reforma da lei orgánica do poder xudicial, que resume na expresión "apaga e vámonos" pola perda dos partidos xudiciais e a actividade que estes levan consigo.

Alañón, en declaracións a Europa Press, opinou que a eliminación dos partidos xudiciais se debe a que "está xeneralizada a idea de que responden a unha división territorial obsoleta e hai que eliminalos tal como están concibidos, algo que --engadiu-- xa propuxo o anterior presidente do Goberno no seu último mandato".

Considerou que a intención da reforma é profesionalizar a Xustiza e iso só é "concibible", apuntou, se se unifican os órganos xudiciais en, con tribunal de instancia, por exemplo.

"Creo que de momento non se van suprimir os partidos xudiciais senón que se trata de romper coa dicotomía xuíz-xulgado, que leva a crear a infraestrutura dun xulgado alí onde hai un xuíz, porque un xulgado é moi custoso e pouco operativo, e por iso se quere crear un central, o tribunal de instancia," explicou.

"APAGA E VÁMONOS"

Con todo, aludiu ás vantaxes do sistema previsto, como o aumento na capacidade de resolución da Xustiza a un custo menor ou que, en vez de ter un perito calígrafo en cada partido xudicial, se teña un para toda a provincia. "Así se teñen os mesmos servizos pero máis concentrados", resaltou.

Como inconveniente para o caso de Galicia, segundo Alañón, sobresae que a desaparición dos partidos xudiciais en aplicación da reforma "será para o rural un apaga e vámonos". Neste sentido, alertou sobre que, "igual que na sanidade non se pode ter un punto de vista exclusivamente economicista, hai que ter en conta moito máis".

"A Xustiza é máis que un servizo público e nas vilas os xulgados xeran riqueza", agregou o presidente da Audiencia ourensana, quen detallou que en lugares como Bande, Carballiño, Ribadavia, Pobra de Trives e Xinzo de Limia os xulgados levan aparellados prazas de funcionarios, avogados, dentistas, hostalaría e comercios para a xente que chega dende os núcleos máis pequenos e que aproveita o día para todas as súas xestións.

LEI DE PLANTA E DEMARCACIÓN

Na súa opinión, a medio prazo non haberá cambios pois todo vai depender da nova lei de planta e demarcación, "mesmo se poderá ver que a eliminación de partidos xudiciais non ten por que levar consigo a eliminación de xulgados".

Neste sentido, expresou o seu convencemento de que a sede xudicial de Vigo non desaparecerá, por exemplo, aínda que entende que si podería facelo a de Bande (Ourense) "co tempo", e considera que "estaría ben" que todos os xulgados do social se fosen para Pontevedra.

En relación á provincia de Ourense, detallou que os nove partidos xudiciais funcionan "razoablemente ben", aínda que valorou que non é lóxico que haxa, como agora, nove xuíces de garda, cando, ao seu xuízo, podería chegar cun ou dous, porque o traballo nas vilas non é diario para os maxistrados.

MOBILIZACIÓNS

Por outra banda, partidos como o BNG en Ribadavia e sindicatos como CIG en Xinzo de Limia e Verín inician actuacións en relación á reforma prevista polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón. Así os representantes de concellos do partido xudicial de Verín e de Xinzo de Limia están chamados a senllas reunións, xunto con organizacións políticas, sindicais, empresariais, veciñais e sociais, ademais de profesionais do sector da Xustiza e cidadáns interesados.

A convocatoria está prevista para unha reunión o día 15 de abril no edificio sindical de Verín ás 19,00 horas e para o partido xudicial de Xinzo de Limia o 16 na casa de Cultura de Xinzo á mesma hora, para "constituír un órgano de defensa dos intereses das bisbarras, contra a supresión dos seus partidos xudiciais", segundo un comunicado da central nacionalista.

Te puede interesar