Sin lemas nin cánticos, 200 personas cortaron a estrada OU-540 para esixir responsabilidades

Protesta nas Conchas contra a contaminación do encoro

Os veciños da Baixa Limia miraron cortaron a estrada cara Portugal para esixir responsabilidades no tocante á contaminación do embalse das Conchas. 'Basta de pasividade, solución', 'SOS Baixa Limia', 'Limia si, esquecemento non', 'Nós levamos o Limia no corazón' e 'A auga é vida, salva o Limia'. Con estas premisas partiron os máis de 200 asistentes a unha protesta que buscaba, ademais de demandar solucións, esixir, 'polo menos, que aparezan os responsables', segundo indicou o portavoz veciñal das Conchas, Pablo Álvarez.
Durante a lectura dun manifesto ó que deu voz a veciña de Lobeira Gelvy Álvarez, saíron os nomes dos que eles entenden que teñen responsabilidade no problema do encoro. Un por un, Álvarez nomeou 'ós culpables'. En primeiro lugar, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, apelando ó seu 'grao de incompetencia e irresponsabilidade'. Seguiu o turno da ministra de Medio Ambiente, Rosa Aguilar, 'por permitir o deterioro alarmante dun espazo único', como é a zona do embalse. A Xunta de Galicia foi outro dos nomeados, personada nos conselleiros de Sanidade, Pilar Farjas; Medio Ambiente, Agustín Hernández, e Medio Rural, Samuel Juárez. Por último, os veciños consideran que a responsabilidade recae tamén en Gas Natural-Fenosa, á que lle cuestionaron se 'produce máis electricidade co río contaminado'. Gelvy Álvarez, en nome dos seus veciños, esixiu a posta en marcha 'urxente' de tres medidas: a parada inmediata de verquidos tóxicos ó río Limia, a limpeza e descontaminación e o control continuo da calidade das augas.


ÉXITO DE PARTICIPACIÓN

Durante a máis de media hora na que os veciños cortaron o tráfico da N-540, non se escoitaron cánticos de ningún tipo, máis que os entoados polos dous gaiteiros que acompañaron a marcha. Habíaos nenos, maiores, novos e vellos. Veciños de tódalas idades achegáronse ata As Conchas, movidos por un xeral sentimento de malestar. Entre eles destacaban políticos coma o senador nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza, o alcalde de Lobeira, Emilio Higuero, ou o antigo alcalde de Lobios, José Lamela. O primeiro deles criticou as palabras de Fernández Liñares nas que aseguraba que a solución das Conchas chegaría coa chuvia e reiterou que 'algunha solución científica ten que haber'.

A convocatoria veciñal resultou un 'éxito' para o portavoz Pablo Álvarez, ó acudir 'máis xente da agardada' e indicou que a Subdelegación do Goberno se ten portado coma 'sinvergüenzas' con eles. Neste sentido, asegurou que a convocatoria do corte da estrada veulles concecida só para un carril, unha decisión que recurriron pedindo resposta urxente. Aínda así, os veciños optaron por cortar toda a vía e avisan de que, de chegar a producirse algún tipo de denuncia, 'tomaremos medidas'.

No momento da despedida, cando os coches xa puideron volver á circulación habitual, os veciños marchaban confesando as súas esperanzas de que esta tivese sido a 'primeira e última' manifestación en protesta polos verquidos tóxicos ó río Limia.

Te puede interesar