Os socialistas presentaron 22 enmendas aos Orzamentos do 2013 para obras en Ourense

O PSdeG reclama ao Estado 37 millóns máis en inversións

O senador Miguel Fidalgo e deputada Laura Seara. (Foto: MARCOS ATRIO)
Un total de 22 enmendas para Ourense nos Orzamentos Xerais do Estado para 2013 foron presentadas onte pola deputada socialista Laura Seara e o senador Miguel Fidalgo. Estas revisións suman un total de 37,5 millóns de euros e, segundo os socialistas, 'cumpren perfectamente os requisitos para ser aprobadas, polo que se o Goberno de Rajoy non as admite, dará de novo a espalda á provincia de Ourense'.
Seara explicou que 'as 22 enmendas están destinadas a cinco grandes áreas: infraestruturas, medioambiente, agricultura, patrimonio cultural e turismo'. Así, no ámbito das infraestruturas, a deputada destacou 'unha partida de tres millóns de euros para a Estación Intermodal do Ave en Ourense e oito millóns para rehabilitar o Claustro de San Francisco', entre outras. No que atinxe ó medio ambiente Seara distinguiu 'a partida de 350.000 euros para a recuperación do Parque Natural do Xurés, xa que estivo especialmente castigado pola vaga de lumes nos últimos anos'.

Facendo referencia ós sectores produtivos da provincia, a socialista destacou o presuposto de '1,2 millóns de euros para o Plan de Regadío da Limia, un aspecto que non está recollido nos orzamentos de 2013'. Ademais, Seara afirmou que 'estas enmendas recollen outras demandas da provincia como a rehabilitación do Castelo de Monterrei con 150.000 euros ou o novo Plan para a Recuperación de Vía Romana Braga-Astorga.

Laura Seara sostivo que 'os orzamentos para 2013 son inútiles, ademais de inxustos e humillantes para esta provincia, por iso serán modificados, xa que non recollen a realidade económica.


'DEMORA INTENCIONADA'

Pola súa banda, Miguel Fidalgo quixo manifestar que 'existe unha demora técnica intencionada para parar a chegada da Alta Velocidade a Galicia'. Tamén reivindicou que a ministra de Fomento, 'Ana Pastor, non licitou ningún novo tramo do AVE, senón que reactivou os que xa estaban licitados pero que o PP paralizara a petición propia polo adianto electoral. Fidalgo tamén destacou que 'en España arderon este ano 200.000 hectáreas, un problema que non entende de cores políticas e que ten que ser estudado en profundidade porque os lumes son o resultado de algo que se está facendo mal'.

Preguntada polo futuro do PSdeG tralas pasadas eleccións, Laura Seara explicou que 'o calendario que presentou o secretario xeral do partido, que agora é Pachi Vázquez -enfatizou-, pasa pola convocatoria dun comité nacional o próximo 10 de febreiro en Santiago e continuaremos cos traballos previos á celebración dun congreso extraordinario que, tralas debidas reunións e converasas, terá lugar ó longo de 2013, segundo como estea traballado e chegar alí a un cambio na dirección do partido'.

Te puede interesar