Os Amigos da República homenaxeron ós sete artistas polo seu traballo e compromiso

Os republicanos réndense ós ’Artistiñas’

Mesa de los ’artistiñas’ homenajeados en la cena.
Os Amigos da República celebraron onte a súa xa tradicional cea na que renderon homenaxe ós ’Artistiñas’. Salientando o labor de Xaime Quessada, Xabier Pousa, Virxilio, Xosé Luis de Dios, Acisclo Manzano, Manolo de Buciños e Arturo Baltar a organización pretendía non somentes recoñecer o seu traballo na ’longa noite de pedra’ senón tamén homenaxear ’á idea de Ourense’.
Aquel grupo de sete artistas ó que Vicente Risco denominou os ’Artistiñas’, que tentou co seu labor e compromiso que a luz volvera á ’longa noite de pedra’, recibiu onte unha homenaxe dos Amigos da República. Foi durante a cea que dende hai un década organiza esta asociación como ’unha xuntanza de xente de Ourense que, independentemente da súa ideoloxía, reúnese na festa da República’, indica un dos organizadores, Xosé Luis Carrión.

A elección como homenaxeados dos pintores Xaime Quessada, Xosé Luis de Dios, Virxilio e Xabier Pousa e dos escultores Acisclo Manzano, Manolo de Buciños e Arturo Baltar rachou en certa medida o criterio seguido nos anos anteriores á hora de elixir ós homenaxeados. Se ata o de agora se buscara a personaxes salientables da República, nesta ocasión ’en certa medida é unha homenaxe á idea de Ourense e ó pobo de Ourense que sufriu a represión da guerra e da posguerra. Esta xeración é unha ponte entre o Ourense do 36-39 e o actual’, explica Carrión, quen tamén subliña o labor destes artistas ’que tiveron un compromiso coa cultura en con Ourense’.

Á cea asistiron unhas 500 persoas, segundo a organización, entre eles, cinco dos homenaxeados e as viúvas de Xaime Quessada e Xabier Pousa. No transcurso da mesma, Arturo Lezcano falou de anécdotas da época (como xa fixera na conferencia que tivera lugar polo serán no Paraninfo do instituto Otero Pedrayo, na que tamén intervira Marcos Valcárcel). Aínda así, o obxectivo era ’estar cos amigos e compartir un momento agradable’, dixeron dende a organización. Por iso, e porque por riba de todo os Amigos da República pretendían que fora unha auténtica festa, unha orquestra foi a encargada de poñer o punto e final ó acto porque, como di o dito, sen baile non hai festa.


Te puede interesar