A andaina do proxecto educativo Correlingua contou con 700 participantes de diferentes centros de ensino da provincia que defenderon a utilidade do idioma nas rúas de Ourense nunha xornada marcada pola chuvia.

As rúas de Ourense falan galego

Hai que mollarse polo galego. Díxoo onte na praza Maior, punto de saída do proxecto educativo Correlingua de 2012, o concelleiro de Deportes de Ourense, Fernando Varela, cando a chuvia amenzaba a saída da andaina. E tiña razón porque no momento de ordenar aos participantes por colexios, ningún dos setecentos cativos se fixo de rogar. Así, o Correlingua deixouse sentir polas rúas do casco histórico de Ourense preto do mediodía de onte. As andainas viaxarán no mes de maio a outras dez comarcas ata o vindeiro 16 de maio, día previo á celebración das Letras Galegas.
A actividade contou coa participación de menos colexios do previsto, algo que a organización achacou ao tempo posto que algúns 'viñan de fóra da cidade'. O ambiente era de festa, mentres algúns dos participantes portaban pancartas con lemas como 'Conquista o mundo en galego' ou 'Galeator. com: O teu idioma seguro'.

A profesora de educación física do colexio especial Miño- Velle, Montserrat Fernández, concretou que 'apuntámonos a todas as actividades para motivar aos rapaces e promover a súa integración'. Por outra banda, a profesora de lingua e literatura galega do instituto San Mamede de Maceda Miriam González, apuntou que o Correlingua, 'é unha maneira de celebrar a lingua posto que aínda que a situación é normalizada, hai que insistir'. No mesmo punto reparou a tenente de alcalde do Concello de Ourense, Isabel Pérez, ao sinalar que 'esta actividade trata de poñer en valor a utilidade e a necesidade de defendérmonos como pobo'. Ao mesmo tempo, Isabel Pérez convidou a responsables políticos de Galicia a reflexionar sobre a defensa da lingua.

A festa final tivo lugar no Auditorio Municipal, unha iniciativa que buscaba aforrar os custos derivados da montaxe técnica que supoñía o tradicional festexo na Praza Maior. Unha idea ben acollida entre os docentes. En concreto, o profesor de música de Salesianos Iván Pola afirmou que 'mellor nun recinto pechado porque evitamos a calor doutras edicións, e neste caso a chuvia'. A gala contou coas presentacións da actriz Iria Sobrado, así como con premios e actuacións musicais nas que non faltou a versión en defensa do galego do tema 'Ai se eu te pego'.

Os participantes acolleron de forma moi positiva a actividade. Así, as alumnas do IES San Mamede de Maceda Silvia Gómez e Andrea Radiano afirmaron que 'é unha oportunidade para falar en galego e coñecer a rapaces doutros centros'. 'O que máis nos gustou foron os vídeos que proxectaron poder falar en galego', dixeron José Luis Fírvida, Miguel Inaraja e Lucía Gómez de Salesianos.

Te puede interesar