TESTEMUÑAS DA MEMORIA

Tranquilo, sosegado... e mestre en todo

fierro2_result
photo_camera Sergio Fierro, primeiro pola esquerda de pé, mirando cara os xogadores do equipo dos Milagres que adestraba.

Sergio Fierro, durante os nove anos que se tirou no colexio dos Milagres, adestrou ós equipos do mesmo de todas as categorías habitas e por haber, tanto de fútbol como de balonmán

Hai pouco estivo un chisquiño de actualidade a causa dos ex alumnos do colexio dos Milagres cando, estes, lle realizaron unha homenaxe ós paúis Emilio Graña, Manolo Peleteiro e José Luis Nieto. O chisquiño vén porque Sergio Fierro, aínda que non estivo presente (hai cinco anos que faleceu), si o nomearon como un dos que apoiaron a Graña no cisma que mantivo contra altas estancias eclesiásticas e políticas e que rematou coa expulsión do colexio dos homenaxeados. E dos que os apoiaron, pois á parte de Fierro, tamén estaba o director do centro Odilo Cid..


Mais esta reportaxe sobre Sergio Fierro Bouzas non vai versar sobre ese apoio, nin sobre a súa dedicación relixiosa, tampouco sobre a súa actividade no colexio: profesor de literatura, entre outras (antigamente nos colexios os profesores tiñan diversos cometidos; por certo, un dos mellores profesores de literatura que tiven) Esta reportaxe quero enfocala como adestrador do equipo de fútbol de Baños de Molgas. Lestes ben: como adestrador, un cura adestrador.


Sen presumir de altruísta e, por suposto, sen recompensa algunha, O Fierro, xa fóra do colexio dos Milagres, deixaba durante unhas horas os traballos de labranza que estaba facendo na súa casa familiar de Calvelo, na parroquia de Lama Má, e achegábase ata un recanto da Pitediña, en Baños de Molgas, para adestrar ós xogadores do C.D. Molgas.
Ata aquí todo normal, e todo dentro da lóxica dunha actividade que había que realizar e dun deporte que gustaba. A el tamén lle gustaba, pois por varias veces e durante os nove anos que se tirou no colexio dos Milagres, adestrou ós equipos do mesmo de todas as categorías habidas e por haber, tanto de fútbol (onde este colexio foi unha auténtica potencia en toda Galicia) como de balonmán.

Pero axiña chegou o insólito, o ilóxico da situación: que moitas tardes/noites a calquera afeccionado que tivera dous dedos de fronte íaselle a alma os pés cando vía, sobre o verde céspede da Pitediña a tres, a catro ou como moito a cinco xogadores adestrando. Recordo unha noite, acabado de chegar de Madrid, asistín a un adestramento (era unha ilusión enorme ter un equipo de fútbol na localidade) e quedei pampo cando O Fierro lle daba ordes a tan só tres rapaces. Eu sabía da actividade, da axuda que realizaba na casa familiar e pensaba nesa hora ou horas perdidas por culpa duns compromisos que tan só el cumpría. O ser humano sempre foi moi propenso a apuntarse a calquera bombardeo, pero á hora da verdade, se te vin xa non me acordo, acochamos as cabezas como as avestruces. Que pensaría el da palabra dun colectivo?


Sabía que morrera e sabía máis ou menos o ano en que acontecera o fatal desenlace, pero foi preparando esta reportaxe cando me sentín abraiado polo seu falecemento. O día 3 de maio de 2010, ás 11.45 da mañá, na mesma porta da residencia dos paúis de Xixón, na mesma rúa, caía fulminado vítima dunha aneurisma. Fora a Xixón para participar no funeral e enterro dun antigo compañeiro seu. Vaia ironía! Como se ve, o destino non anda con caralladas.


Sergio Fierro Bouzas, O Fierro, quizais fose un chisco austero, algo reservado, incluso serio, pero cando acudías a el, alí estaba: atento, ata cordial, sen levantar a voz e dando auténticas clases de educación, incluso naqueles tempos nos que sabían que podían facer e desfacer ó seu antollo; falando na xerga colexial: non era abusón. Recórdoo sempre co brazo esquerdo dobrado sobre o peito e o cóbado dereito descansando na man aberta esquerda, e con dous dedos da man dereita apoiados sobre as meixelas. Así paseaba e así escoitaba as respostas, as explicacións dos seus alumnos O Fierro, tranquilo, sosegado... e mestre en todo. Cura, profesor, labrego, adestrador... unha gran persoa.
[email protected]

Te puede interesar