Ana Garza di que na primeira metade de mandato conseguiu deseñar ‘o que imos comercializar’

Turismo: á busca dunha imaxe para a cidade

Ana Garza, no seu despacho da Concellería de Comercio.  (Foto: Xesús Fariñas)
Ana Garza Cortiña naceu en Coles en 1964. É asesora fiscal de profesión, traballando por conta allea e na súa empresa desde hai 20 anos. Veciña das Camelias, está casada e ten unha filla. Na política, mantense na militancia desde hai 14 anos, os mesmos que leva na política activa cun posto no grupo da oposición en Coles e logo na cidade. É concelleira de Comercio e Turimo e acaba de asumir a área de Termalismo.
Ourense é capital termal pero tamén é máis. É comercio. É gastronomía. A cidade quere ofertar a súa imaxe dende distintas ópticas e ese é o labor que tenta facer Ana Garza. Dous anos despois de comezar a súa andaina á fronte de Comercio e Turismo, acaba de asumir tamén a xestión de Termalismo. Ata o de agora a súa valoración é positiva porque cre que ‘nunca houbo tanto dinamismo en comercio, coas asociacións que se crearon novas nos barrios’ e tamén porque ‘se deseñou que queremos comercializar e temos a sociedade de xestión e a nova oficina de turismo’.

Aínda que recoñece que é a súa maior preocupación -dado que é un investimento de 15 millóns de euros- Garza está satisfeita dos pasos dados con respecto á reforma da Praza de Abastos. A concelleira cre que a remodelación do campo da feira (xa comezaron as obras) é ‘importante non so para desfrute da cidade senón tamén para o turista porque era unha imaxe negativa da cidade, igual que o restaurante na zona termal, que ademais se programau para que dean información ó turista’.

Da súa xestión en Industria, Garza salienta a ‘solicitude do programa Avanza’ para a expropiación da A Molinera e a súa posterior reconversión nun centro de novas tecnoloxías. ‘Asumíronse proxectos de grande responsabilidade’, sinala.

Dado que o obxectivo final é convertir á cidade nun producto turístico, considera que ‘o comercio é fundamental, tamén a restauración e todo o sector do aloxamento e as feiras’; por eso, no camiño espera ‘conseguir paquetes turísticos combinados con Santiago porque nos faltan infraestructuras’.

A CLAVE PERSOAL

Por que decide entrar na política?

Son nacionalista case desde que teño uso de razón e desde sempre quixen traballar por este país, que ten moitísimas posibilidades.

Que pide vostede dun comercio?

Gústame mirar e logo decidir segundo o que máis necesito.

Pequeno comercio ou grandes superficies? Pequeno, ademais me gusta o comercio de rúa, os grandes me agobian.

Un sitio para facer turismo?

Teño paixón polas viaxes e creo que cada lugar ten o seu encanto. Gústame moito Portugal pero toda Europa me atrae. Tamén me encanta a Ribeira Sacra e a ría de Muros-Noia para o verán. Utilizo moito o turismo de fin de semana en balnearios.

Que lle recomendaría a un turista de Ourense?

A min gústame moito pasear polos cascos históricos. O noso é moi fermoso, tamén a oportunidade de cear na nosa zona de tapas e, por suposto, a zona termal.

Un libro?

Hoxe estou lendo ‘Herba moura’ de Teresa Moure.

Unha canción?

Son máis de cantautores, como Silvio Rodríguez, son gran afeccionada ós fados e a Maná.

Aspiracións políticas?

Non teño. Asumo as responsabilidades que me otorga a organización.

OS LOGROS

Conseguir unha nova imaxe para a cidade como destino turístico.

Traslado da oficina de Turismo a un enclave estratéxico.

Constitución do ente mixto de xestión turística.

Creación dunha páxina web que centralice a actividade turística.

Aposta pola reforma da Praza de Abastos e lograr a remodelación do campo da feira.

Construcción dun restaurante nas Pozas de Maimón.

Ordenación dos feirantes do Barbaña.

Apoio ás asociacións de comerciantes e a ordenanza de alumeado.

OS RETOS

Convertir a cidade nun destino turístico de primeiro nivel, o que implica unha aposta decidida polo desenvolvemento de infraestructuras hoteleiras, de restauración e termais.

Crear unha folla de ruta parta o ente mixto de xestión turística, asegurando o seu bo funcionamento e os froitos para a cidade a nivel turístico.

A apertura de Ourense como destino turístico nos mercados europeos. Non limitarse somente nas actuacións ós mercados de Galicia e España.

Fomentar o Ourense de ‘shopping’. Para iso, o departamento de Comercio considera importante fomentar a instalación de grandes firmas na cidade, que complementen á importante oferta existente na actualidade.

Gómez Villar (PP): ‘Unha xestión decepcionante’

O concelleiro do PP, Aurelio Gómez Villar, resume a xestión de Ana Garza como ‘decepcionante porque está chea de promesas incumpridas’. En Comercio, o edil da oposición cre que ‘non hai ningún gran proxecto en marcha que favoreza ó comercio tradicional’, criticando que non haxa ‘axudas para establecerse no casco histórico nin propostas favorables para o comercio en época de crise’. Con respecto á reforma da Praza de Abastos, Gómez Villar di que ‘a realidade é que contaron unha milonga e so dispoñen de 200.000 míseros euros que non chegan para afrontar o volume desa obra’. Pregúntase tamén que foi das medidas anunciadas para impulsar as galerías comerciais e a instalación de tendas vencelladas ó termalismo.

No ámbito turístico, Aurelio Gómez Villar cre que ‘se viviu das rendas herdadas do goberno anterior’. Na súa opinión ‘é un erro retirar das Burgas a oficina de Turismo’ e acusa ó departamento de Ana Garza de ‘falta de xestión’ no que respecta ó Plan de dinamización. Bota en falta tamén os anunciados -por parte do BNG- ‘hoteis con encanto no casco histórico, que non hai nin o primeiro, e os importantes investimentos que se ían facer no castro de Santo Tomé para impulsar este punto como atractivo turístico’.

Aínda así, para Gómez Villar o ‘escandaloso’ é o ocorrido en materia de Industria, dado que, asegura, a concellería ‘non fixo absolutamente nada’. Critica que ‘non se moveu nada do posible parque empresarial de Santa Mariña e tampouco se fixo nada para o traslado do matadoiro municipal’, mudanza fundamental para o desenvolvemento termal do entorno do campo da feira.

O PEOR
A falta de xestión. Segundo Gómez Villar, o bipartito non foi quen de contrarrestar a crise con accións necesarias e específicas no ámbito do Comercio.

Deixar que iniciativas positivas para o comercio e o turismo se diluiran, a pesares do efecto positivo do Plan de dinamización e do Urban.

Ningún apoio por parte da Xunta bipartita. Cando gobernaba o PP en Ourense, conseguiu de BNG e PSOE na Xunta o Plan de dinamización turística.





Te puede interesar