Bob Marley: One Love

A semana pasada escribía sobre a última longametraxe de Michael Mann, un biopic irregular – algo frío - sobre o inventor do “cavallino rampante”, Enzo Ferrari, arredor da competición automobilística da Mille Miglia. Esta semana falamos sobre o “rei rastafari” Bob Marley, retratado por Reinaldo Marcus Green en One Love. Ao igual que o filme de Mann, tamén estamos diante dun biopic bastante convencional, aínda que neste caso realizado cun orzamento inferior e cunha compoñente emotiva importante que traspasa as imaxes.

A película de Reinaldo Marcus Green céntrase sobre os últimos anos da vida de Marley desde o atentado que sufriu no 1976 ata o 1980. Aínda que hai algún flashback relacionado coa súa nenez e adolescencia, a narración vira principalmente arredor da gravación de “Exodus” e a xira europea de promoción do disco. One Love celebra o xenio artístico de Marley transmitindo o concepto que a súa música, e a mensaxe que levaba, non estaban separados. Así que introdúcenos no movemento espiritual Rastafari, fundamental para comprender a traxectoria vital e profesional do músico. Un estilo de vida ligado á supremacía negra e as raíces africanas, e cuxos seguidores identifícanse polos trenzados do pelo coñecidos popularmente como “rastas” así como a través do uso sacramental da marihuana.

O biopic de Marcus Green, máis aló da vida persoal de Marley, intenta facer un cadro sumario sobre algúns dos acontecementos históricos relacionados con Xamaica: as guerras internas nun país cada vez mais dividido e os conflitos internacionais que foron o cultivo pola mensaxe de amor universal do artista. Durante a súa instancia en Londres, non falta unha mirada do director ao movemento punk. Faino a través dunha escena ambientada durante un concerto de The Clash, e que sirve como referente para relatar o fervedoiro político e xuvenil do 1977.

Ao igual One Love aborda algúns aspectos controvertidos da vida sentimental do artista e sobre todo a relación coa “raíña do reggae”, Rita Marley, pero sen pescudar demasiado. Deixa fora moitos claroscuros, documentados no mesmo libro escrito por Rita. En xeral, o obxectivo do filme é o de escribir por imaxe unha carta de amor ao artista. Á icona do reggae que tivo – tamén polas súas conviccións relixiosas – unha corta pero intensa carreira artística. Kigsley Ben-Adir interpreta moi dignamente o papel de Marley, nunha película que recibiu o visto bo da súa familia (os fillos Ziggy e Cedelia e a mesma Rita figuran como coprodutores). Por suposto a música ten un papel fundamental. Estamos diante dun biopic onde os temas do artista soan en cada escena. Algo que se aprecia, e que fará felices aos seguidores de Marley. Quizais non sexa a obra cinematográfica definitiva e mais completa sobre o artista, pero One Love é segurmente unha película honesta e emotiva. Ademais, a música do artista non envelleceu. Aínda que ninguén recolleu verdadeiramente a súa testemuña, as súas mensaxes seguen sendo de tremenda actualidade.

Te puede interesar