Como facer un maio caseiro

Maios en Allariz. (Arquivo)
photo_camera Maios en Allariz. (Arquivo)
Así podes elaborar un maio, unha manualidade en familia para celebrar a festa da primavera

Chegan os Maios, chega a festa de celebración da primavera. Unha data sinalada no calendario popular de Galicia, cuxas orixes se remontan ás civilizacións prerromanas. Hoxe en día, os maios e as coplas toman as rúa de moitas vilas ourensás como mostra de que a tradición non se perde.

Se non tes plan para este domingo, podes pasarte polas festas que se organizarán en distintos puntos da provincia, como Ourense, O Barco ou Allariz. Pero tamén podes coller herba e flores e facer o teu propio maio caseiro en miniatura, unha manualidade na que poden axudar os máis pequenos da casa.

Que necesitamos?

  • Unha estrutura para o maio (por exemplo, pólas, cartón ou unha botella)
  • Fío e agulla
  • Gomas elásticas
  • Herba ou xestas
  • Flores ou calquera elemento decorativo que queiramos

Como facer o maio

A estrutura

O primeiro paso para facer o noso maio caseiro será construír a estrutura. Se queremos ter en casa un maio completamente tradicional, podemos buscar paus ou pólas pequenas e dispoñelas en forma de cono ou pirámide, atándoas co fío. É importante que sexan resistentes.

Para darlle estabilidade, conectaremos os paus entre si, perpendicularmente, con máis paus. Podemos forrar esta estrutura cunha tea ou similar, para colocar máis facilmente a decoración.

Exemplo dun maio. (Arquivo)
Exemplo dun maio. (Arquivo)

Outra opción é facer a estrutura con cartón, facendo pezas triangulares que logo podemos pegar en forma de pirámide. É unha opción sinxela e que despois dará un resultado moi estético. É conveniente coller un cartón bastante resistente, para que non se desfaga cando o decoremos; se non o atopamos, podemos pegar varias capas.

Se preferimos pasar por alto a confección da estrutura porque a vemos complicada ou non nos apetece, hai un camiño aínda menos ortodoxo pero moito máis fácil. Podemos empregar calquera obxecto que teñamos por casa e que vexamos que ten unha forma apropiada para facer o noso maio. Por exemplo, unha botella de auga.

En todos os casos, é aconsellable aportar un pouco de peso á estrutura para que sexa máis estable e non envorque.

A decoración

Decoración dun maio. (Arquivo)
Decoración dun maio. (Arquivo)

Para decorar o maio necesitaremos xestas, ou máis facil de atopar aínda, herba. Collerémola en pequenos feixes, que apreixaremos con fío. Unha vez teñamos un número suficiente destes feixes como para cubrir o maio, colocarémolos co fío ou coas gomas elásticas.

Para as flores, usaremos o fío e a agulla. Iremos facendo cadeas con elas ao noso gusto. Aquí entra a parte máis creativa do maio, xa que temos liberdade para decoralo como máis nos guste. Algunhas ideas son dispoñer as flores ó xeito de guirnaldas arredor da estrutura, ou de arriba abaixo, coma se fosen franxas.

Ademais das flores, tamén se poden utilizar outras cousas para poñer bonito o maio. Por exemplo, figos.

Unha vez acabemos de decorar o noso maio, e unha vez xa teñamos compostas as nosas coplas, estaremos listos para celebrar a festa da primavera, e colocar a nosa pequena creación no sitio onde máis luza!

Te puede interesar
Más en Sociedad