Os Maios retiran a mascarilla en Allariz e “todo é ledicia”

Allariz. 29/04/2022. Día da celebración dos Maios en Allariz.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera En Allariz apostan pola fórmula dos mini-Maios para fomentar a participación das familias. (Xesús Fariñas)
Allariz converteuse este ano na primeira parada desta tradición que chega para festexar a primavera e recupera a normalidade: máscaras fóra das facianas e coplas na alameda alaricana. 

Xa chegan os Maios imos polo musgo para facer o Maio máis guapo do mundo. Máis guapo do mundo son as nosas risas, sen a mascarilla todo é ledicia”. Os “mini-Maios” alaricanos inauguraban oficialmente esta tradicional festividade ourensana, que regresaba á alameda nunha imaxe que nada tiña que ver coa que se vivía o pasado ano e, moito menos, coa de 2020. 

No primeiro ano de pandemia as creacións artísticas recollíanse, individualmente, en forma de fotografías e, o pasado ano, facíase unha exposición dos Maios tamén na alameda, pero sen cánticos de coplas nin festexos. 

Este venres había moito que celebrar e, por iso, os cativos do Colexio Padre Feijóo e os mozos do instituto non escatimaban en folgos para alzar a voz coas súas coplas. Tampouco en retranca: non se libraba da sátira o “Slomo” de Chanel -que “foi un gran tongo” e “Tanxu son mellor”-, ou o “inútil” de Putin. Os Maios dos nenos alaricanos deixaban entrever, tamén, moita ledicia por “volver a ver as risas” sen as mascarillas, ou por compartir o momento cos maiores do centro de día e cos veciños, que presenciaban as coplas a media mañá de onte. 

Allariz. 29/04/2022. Día da celebración dos Maios en Allariz. Os maiores deo centro de Día de Allariz.
Foto: Xesús Fariñas
Os maiores deo centro de Día de Allariz. Foto: Xesús Fariñas

A “fórmula nova” de cambiar a ubicación e tamaño dos Maios en Allariz -antes da pandemia celebrábanse na Barreira con menos creacións, pero máis grandes- deixaba este venres moi bo sabor de boca: “Adoptamos esta idea dos mini-Maios que permite que participen moito as familias, porque antes simplemente limitábase a tres Maios que se facían no centro. Hoxe -por onte- pode haber uns 100”, explicaba Javier Fernández, director do colexio. “Esta é unha tradición que non se debe perder, pois non se celebra en todas as localidades e aquí temos a sorte de tela. Este mundo tecnolóxico está moi ben, pero non soamente é necesario saber a onde imos, senon tamén saber de onde vimos”, engadía. 

Allariz. 29/04/2022. Día da celebración dos Maios en Allariz.
Javier Fernández.
Foto: Xesús Fariñas
Javier Fernández, director do Colexio Padre Feijóo de Allariz. Foto: Xesús Fariñas

Mostra desa convivencia interxeneracional nos Maios, a alameda alaricana acollía creacións dos máis novos, pero tamén dos veteráns: os do centro de día da vila, aos que se sumaban outros usuarios do centro de día de Xinzo. O seu Maio tiña mensaxe, a búsqueda da paz. “Dende que estou no centro, hai nove anos, participo dos Maios. É unha tradición bonita para todos, pero especialmente para os nenos”, apuntaba Camilo Parada, usuario do centro. “Os Maios non se poden perder, de ningunha maneira! Somos os vellos os que temos que ensinar aos nenos”, engadía. Os Maios poderán visitarse toda a fin de semana en Allariz.

Allariz. 29/04/2022. Día da celebración dos Maios en Allariz.
Camilo Parada.
Foto: Xesús Fariñas
Camilo Parada, ao carón do Maio que elaborou cos seus compañeiros. Foto: Xesús Fariñas

Te puede interesar