Crónicas de agora e sempre

Da guerra de Corea a Álvaro Cunqueiro

Nacido en Correchouso (Laza), Miguel Queija Delgado pronto tomaría o nome de Michael Thomás Queyja, logo de ter fuxido con seus pais a Portugal, acabar asentado no Estado de Misisipi, licenciarse en literatura e loitar na guerra de Corea

Souben del gracias ó doutor Antonio Diéguez Añel, un médico natural de Castro de Laza con varios libros publicados arredor do Entroido e outros aspectos etnográficos das terras altas de Monterrei, que exerceu a medicina e vive en Valladolid e hai algún tempo me falou de que un conveciño seu loitara na guerra de Corea. A visita que Pedro Sánchez acaba de cursar ó despacho oval tróuxomo á memoria porque a carón da Casa Blanca os americanos contan cun emotivo memorial dos veteráns de tan tráxica guerra.

Se o presidente do goberno, antes ou despois da estadía co vello Biden no despacho oval, tivo tempo de dar un paseo turístico polo complexo monumental que circunda a Casa Blanca e se achegou ó icónico Lincoln Memorial, é moi posible que acabase reparando nun fermoso e conmovedor xardín sobre o que, en actitude de fatigosa camiñada, están reproducidos 19 soldados que se reflexan nun muro situado a carón, contabilizando así o número 38, que foi o paralelo polo que a URSS e os EEUU partiron Corea en dúas, en 1950, provocando -cando aínda a paz mundial non asentara- unha das máis sanguinarias guerras do século XX.

De telo feito así é moi posible que se preguntase, tamén, se nela participou algún español, polo que, se non o informaron de tal circunstancia, aproveito agora eu para asegurarlle que si -que, cando menos, un- nacido en Correchouso (Laza) e cando aínda era un neno viuse na obriga de fuxir canda seus pais por mor da nosa Guerra Civil, recalando nos Estados Unidos, onde creceu, fíxose cidadán americano e foi destinado como “soldado raso de primeira clase” a tan inhumana contenda.

En Correchouso, afirma Eligio Requejo Gómez no libro “Correchouso, historias de nuestro pueblo”, “a finales del siglo XVIII formaban la comunidad unas 17 familias y en ellas los apellidos con más miembros eran Queija y Requejo, que aparecían en casi todas”.

Pois ben, dunha desas familias -a formada polo traballador “da vía” Miguel Queija e Araceli Delgado- xurdiu no ano 1926, Miguel Tomás, a quen probablemente lle viña escrito na fronte que tamén sería un dos traballadores da interminable construcción da vía que estaba chamada a unir Puebla de Sanabria con Ourense.

Pero a Guerra Civil -que o truncou todo-, posiblemente debido ás andanzas sindicalistas do pai obrigou á familia a tomar a transcendental decisión de fuxir. Antes do balbordo bélico xa foran outros membros do clan os que buscaran futuro en Buenos Aires, Montevideo ou La Habana, polo que non lles era novo o feito de abandonar a aldea, aínda que non -como nese momento era o seu caso- en tan complexas circunstancias.

Pero, por fortuna a raia de Portugal estaba moi preto e así o fixeron. Cales foron os detalles do periplo portugués dos Queija, de como levaron a cabo o salto do océano e como ataron cabos na cidade de Oxford (Misisipi), non os coñecemos. O que si se coñece é que a partir de aquí o neno de Correchouso pasou a ser nomeado Michael Thomas Queyja e así foi identificado no resto dos seus días.

Con moito esforzo -é de supoñer- por parte de todo o elenco familiar para poderen afacerse a un novo país, a novos costumes e a un novo idioma, Michael foi escalando chanzos no proceso de integración na seo da sociedade americana e con 24 anos foi chamado a filas e destinado, como soldado raso, á recén dividida Corea, no outro lado do mundo, onde comezaba a librarse unha guerra que levou por diante a vida de máis de 50 mil soldados americanos e 750 mil coreanos do norte e chinos, ademais de arredor de 3 millóns de civís, no curto prazo de tres anos.

Non é de estrañar, pois, que os gobernos americanos se esmerasen tanto para construír o devandito memorial da Casa Blanca.

Por fortuna para el e a súa familia -a que xa tiña e a que estaba por vir- Michael Queyja foi dos que se salvou e, rematados os estudos universitarios, centrou a carreira na propia universidade de Misisipi, sen esquecer as súas orixes, nin o seu idioma -mellor dito, os seus dous idiomas- polo que se fixo profesor de español.

Velaí o que publica este xornal o 26 de xullo de 1963: “Con el fin de disfrutar de un descanso en sus propiedades de Casas dos Montes (Oímbra) -onde debeu nacer a nai-, llegó procedente de la Universidad de Misisipi (EEUU) el aprovechado  estudiante de ingeniería y a la vez profesor de castellano, don Michael Thomas, acompañado de su señora madre, doña Araceli Delgado de Queyja”.

Unha universidade -a de Misisipi- que só abandonou coa xubilación e posteriormente coa morte, acontecida o 15 de marzo de 2007. 

Unha tese doutoral sobre un Cunqueiro que ben puido fabular sobre a súa biografía

No transcurso da carreira universitaria encontrou a Mary Ilda Morgan, profesora tamén de español e a ela uniu a profesión e tamén unha vida que deu como resultado unha filla, Angie, e dous fillos, o enxeñeiro de son e músico en Los Ángeles, Tom, e Michael Leon, asentado en Orlando (Florida). 

Con Mary, xa co apelido Queyja incorporado á súa identificación persoal -como é costume nos Estados Unidos-, ambos estableceron colaboración coa Universidade de Salamanca, a cuxas aulas acudiron con asiduidade, chegando a exercer el, ademais, como director do programa de estudos no estranxeiro desta universidade española.

E, aínda que o contacto coas raíces ourensás non durara moito tempo, no proceso formativo universitario non esqueceu a lingua que aprendera nos días da infancia polas corredoiras de Correchouso e, xa preto do medio século, decidiu preparar a tese de doutoramento arredor da obra do fabulador galego, Álvaro Cunqueiro.

Unha tese que rematou en 1988 -Michael contaba xa 62 anos-, que foi dirixida polo prestixioso filólogo Víctor García de la Concha e que lle deu a oportunidade de entrevistar ó propio escritor mindoniense no seu domicilio vigués, no mes de agosto de 1976.

A entrevista sería publicada na revista Grial en 1984 e nela o profesor ourensán-americano e o iconoclasta Cunqueiro, ademais de abordar pormenores da obra deste, reflexionan arredor da situación que vive o  galego neses momentos de apertura á democracia.

Como preámbulo, un descrido Cunqueiro dille que acababa de ler unha tese sobre a súa obra, que realizara un investigador italiano e que non só lle pareceu “unha grande tresleada”, senón que era tan grande e con tanta bibliografía que o italiano parece que “sabe máis de min ca eu mesmo”.

Michael, pola contra, recoñécelle que “fala mal o galego”, ó que Cunqueiro lle contesta que “o mellor que se pode facer pola nosa lingua, aínda que se fale mal, é falala”, e desvélalle que cando tiña dez anos  quixo escribir unha novela do oeste “e como os hispanos falaban castelán, os indios falaban galego”.

A conversa faille lembrar a Queyja  “os tempos da miña nenez sentados ao redor do lume da lareira” e a  Cunqueiro “a casa dos meus abós en Riotorto”, onde oía as historias  que lle permitiron adquirir “certa habelencia para contar”.

Te puede interesar
Más en Sociedad