Crónicas de agora e sempre

Manuel Hierro, o custodio da coroa

Cando remate a exposición, a coroa volverá á Casa dos Poetas de Celanova.
photo_camera Cando remate a exposición, a coroa volverá á Casa dos Poetas de Celanova.
En 1868 fundou a xoiería Hierro na rúa máis comercial da Habana, participou na creación da Sociedade Benéfica, na do Centro Galego, foi político e banqueiro, vendeu gando ó por maior e, sobre todo, foi un dos anxos custodios do poeta Curros

A semana pasada abriu as portas na Coruña unha exposición na que, a través de distintos obxectos, está contada a historia da cidade herculina dende os primixenios asentamentos ata os nosos días. Entre todos eles hai un que nos liga con dous ourensáns -Manuel Curros e Manuel Hierro- e mesmo coa propia capital cubana. Trátase dunha coroa que o poeta de Celanova recibiu en 1904 nun acto literario na Coruña, que levou con el para a illa e que non se perdeu gracias a que Hierro a conservou na súa xoiería.


O día 21 de outubro de 1904, o Teatro Principal da cidade da Coruña encheu o seu aforo para renderlle unha homenaxe singular -que nin sequera recibira Rosalía- ó poeta Manuel Curros Enríquez, denantes de que o escritor celanovés tomara o barco de regreso para a Habana, poñendo remate así a unha estadía en Galicia que durara varios meses.

Despois de sentar as bases para a creación da Academia Galega, o máis granado da sociedade política, económica e cultural coruñesa e unha representación literaria galega celebraron un recital co fin de “coroar” poeticamente a Curros.

Nunca outro autor galego fora obxecto de tan simbólico recoñecemento e con tal motivo os organizadores -con Manuel Murguía á fronte- entregáronlle unha coroa de metal realizada polo escultor compostelán Isidoro Brocos, que reproducía unha póla de loureiro e outra de carballo, ademais doutros motivos alegóricos ó propio autor e a Galicia.

A peza, dunhas xenerosas dimensións (uns 70x70 centímetros), viaxou con el no vapor “La Champagne” para a Habana. Pero a traxectoria vital do poeta na illa igual que nunca fora estable -xa que, por non ter, nin sequera tiña casa propia, senón que residía nunha casa compartida- tampouco ía mellorar nos catro que lle restaban, polo que despois de tela con el unha tempada no seu cuarto, acabouna depositando, primeiro na casa do comerciante galego e amigo seu, Marcos Piñeiro Osorio  e da súa dona Josefa Gener, e finalmente no escaparate dunha das xoierías máis afamadas da illa.

Unha xoiería que non podía deixar de ser, senón, dun ourensán coma el e, coma el, orixinario da terra de Celanova.

Manuel Hierro Mármol era o nome do seu dono que, cando Curros Enríquez chegou á Habana -en 1894-, xa gozaba dunha posición desafogada na capital cubana e mesmo o seu negocio contaba entre os máis prestixiosos do ramo na illa porque no seu local da comercial e cosmopolita rúa Obispo podíanse atopar xoias e obxectos de arte importados de París, Viena, Berlín ou Nova York.

Para poder facermos unha idea de como era aquel establecemento resulta suficiente con remitírmonos á significativa descrición realizada por un xornalista da época cando xa era coñecida como “El Fénix de Hierro y Cia.”: “Es un establecimiento donde la visita deslumbra, la fantasía retrocede acobardada y el deseo vacila en la elección, girando de un objeto a otro como luciérnaga errante, sin saber en qué punto detenerse”.

Contan, os que viviron a decadencia física e anímica do poeta neses últimos catro anos de vida (especialmente José Baña, o que fora administrativo do semanario “La tierra gallega” que Curros fundou ó chegar á Habana e que compartiu con el durante anos casa-habitación) que é moi posible que xa daquela (cando desembarcou na Habana) trouxera algunha carta de recomendación de Galicia para Manuel Hierro e que fose Hierro un dos que avalou e apoiou con máis entusiasmo o fallido proxecto editorial de Curros, incluso amoblando as oficinas onde o poeta instalou a redacción do semanario.

Ese amparo inicial consolidou entre ambos unha relación que pronto saltou ó ámbito familiar, segundo describe José Baña no seu libro “Historia de Pepe de Xan Baña” e reproduce posteriormente Neira Vilas, indicando que “Curros ía todos os domingos xantar coa familia Hierro e ás veces xogaba ás cartas co seu amigo”.

Desa relación consérvanse dúas dedicatorias que o poeta lles escribiu ás dúas fillas do xoieiro, Amalia e Blanca, nunha das cales incluso alude ó réxime de visitas que Curros cursaba á casa dos Hierro.

“A Blanca Hierro -relata- que me escribió una tarjeta quejándose de mí porque no voy por su casa”.

Manuel Hierro tiña un terceiro fillo, de nome tamén Manuel, quen, xunto cun dos seus cuñados, Cesáreo González, continuaron o proxecto empresarial do pai, cando o vello Manuel -oito anos despois de Curros- falece, en 1916.

 No tocante ó destino da coroa, abonda dicir que estivo exposta nun dos escaparates da xoiería, rodeada de libros galegos, que Manuel Hierro -o fillo- depositouna no Centro Galego e que en 1978, por intermediación do ministro Pío Cabanillas recalou na Real Academia ata que, en 2008 foi traída para a Casa dos Poetas de Celanova, a onde retornará unha vez remate a exposición coruñesa.

Unha loita sen cuartel contra a “Compañía importadora de trabajadores libres”

Onde estaba situada a xoiería Hierro, na rúa Obispo, hoxe hai un parque.
Onde estaba situada a xoiería Hierro, na rúa Obispo, hoxe hai un parque.

O afondamento na biografía de “Manuel Hierro y Mármol” -que así se facía chamar-, achegoume a un episodio sobre a emigración galega en Cuba, que xa tivera un antecedente, dúas décadas atrás, coa nefasta intervención doutro ourensán, Urbano Feijóo Sotomayor, quen chegou a constituír unha sociedade que levou a Cuba a máis de dous milleiros de galegos en condicións de escravitude.

Esquecido o escándalo político do que saíra indemne o deputado Feijóo Sotomayor, en setembro de 1878 o xornal “La Época” de Madrid informa de que “en la Habana tuvo lugar una reunión de los hijos de Galicia residentes en la capital de la isla de Cuba, habiendo asistido 1.215 personas”.

O colectivo quería “aconsejar a los gallegos de la Península, que no se contraten con la compañía titulada ‘Importadora de trabajadores libres’”, nomeando unha comisión da que forma parte Manuel Hierro, que se encargará de redactar un manifesto e distribuílo “a las Diputaciones provinciales de Galicia y a la prensa española” para que aconsellen ós potenciais emigrantes “a que, en vez de ir a las repúblicas hispano-americanas lo hagan a Cuba, pero libres, perfectamente libres, sin contratas, porque estas dan malos resultados y son causa de fallecimiento por exceso de trabajo”.

 A soa lectura do manifesto resulta estarrecedora, ó facer visible as condicións nas que aqueles traballadores contratados en orixe podían chegar a mal vivir se optaban por ese camiño.

Nel, arremeten contra os promotores “que creyeron fácil empresa el traer aquí un ejército de esclavos blancos que sustituyeran a los esclavos negros”, poñendo en práctica unha idea “infernal, cuya sóla enunciación hace estremecer nuestras carnes y pone en combustión nuestra sangre”.

Os primeiros contratos  que poñen en alerta á comunidade galega, tiveron lugar coa China e en Canarias, o que os fixo temer que volverían a “aquellas vergonzosas escenas que nos trajeron las inolvidables contratas de Sotomayor”. Contratas que causan “la abyección moral y la muerte civil, convirtiendo al ciudaddano en un miserable esclavo”.

Por sorte para tantos, a iniciativa non tivo futuro e os emigrantes galegos -entre eles Curros- puideron viaxar á Habana absolutamente libres.

Te puede interesar
Más en Sociedad