UNIVERSITAS

A Ecimat coordinará a busca de respaldo da infraestrutura europea EMBRC

photo_camera A estación viguesa situarase no mapa mundial de infraestruturas de investigación mariña.

Contarán cun orzamento de máis  de 100.000 euros para unir a máis  de 150 rexións europeas

Financiado pola UE, o EMBRC (European Marine Biological Resource Centre ou Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños) nacía hai sete anos sobre o papel coa idea de situar a Europa á vangarda mundial das ciencias mariñas mediante unha rede diversificada de recursos físicos e humanos da que a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla forma parte. Agora esa rede busca a súa posta en marcha definitiva nunha nova fase na que a Ecimat participará de forma activa no que é o seu primeiro proxecto europeo: a Universidade de Vigo será a encargada de coordinar xunto á Estación Mariña de Plentzia da Universidad do País Vasco, PiE-UPV, a tarefa de establecer vínculos coa conferencia de rexións periféricas marítimas de Europa, que representa a máis de 200 millóns de habitantes, para promover a explotación sostible dos recursos biolóxicos mariños e da biotecnoloxía azul como camiño de desenvolvemento rexional e económico e contribuír así ao crecemento e á cohesión. 


Agora a Ecimat e PiE-UPV terán que “traballar para asegurar tanto o respaldo institucional como económico dos estados nos que se localizan os nodos de EMBRC”, como explica Antonio Villanueva, xestor da Ecimat. Acadar ese apoio é un dos requisitos fundamentais para dar os pasos que concedan á rede o estatus ERIC, unha fórmula xurídica europea común coa que dar marco legal ás infraestruturas de investigación nas que participan varios países e facilitar a súa creación e funcionamento. Cun orzamento de 50.000 euros cada unha, xunto cunha partida especial para realizar un workshop con representantes de todas as zonas implicadas, ambas institucións terán que traballar para conseguir unir a máis de 150 rexións europeas e facer de EMBRC a infraestrutura máis avanzada en Europa para o estudo dos recursos biolóxicos e biotecnolóxicos mariños.

Te puede interesar
Más en Universitas