Amor de lenda na Veiga coa 'Historia da Doncela Encantada'

photo_camera (J.C.)
Esta mañá presentouse "Historia da Doncela Encantada", de Antonio Fernández "Cholo", un conto no que narra a lenda da Lagoa da Serpe a través do amor

"É bo ser capaces de voltar a ser nenos, crendo en cousas que ao mellor non son reais, ou que non o son. Pero que máis dá se é bonita a historia". Con estas palabras presentaba esta mañá Antonio Fernández "Cholo" o seu conto, "Historia da Doncela Encantada", no que narra a historia da Lagoa da Serpe.

O acto estivo organizado por Trevihost (Asociación de Hostelaría e Turismo Trevinca-A Veiga), e a el acudiron Juan Lorenzo, presidente desta entidade, ademais do autor, a ilustradora Cristina Yáñez, o alcalde da Veiga, Juan Anta; así como Gloria Luis Santamaría e Marcos Pérez, tamén de Trevihost.

O libro, segundo explicaron, busca difundir os valores turísticos e de natureza das montañas de Trevinca. Nel cóntase a historia da Lagoa da Serpe cun final feliz. Un pai malvado quere desfacerse da filla, polo que leva a cabo un maleficio para condenala a vivir como serpe nunha das lagoas do teito de Galicia.

O mozo, ó chegar xunta ela, transforma o maleficio e acaban converténdose nunha serpe de dúas cabezas. Así conseguen vivir namorados na lagoa, aparecendo abrazados cada noite de San Xoán. Trátase dunha versión da lenda da Lagoa da Serpe, unha historia tradicional coñecida na zona.

Cholo comentou que son contos "tanto infantís como para adultos". "Penso que os adultos temos que ler máis contos infantís, de vez en cando, baixarnos a esa imaxinación do conto", dixo na presentación. Sobre o propio conto explicou que "ao final é un amor tan profundo que nin a morte os separa, os dous seguen habitando nestas fermosas montañas de Trevinca".

Invitou, asimesmo, a comprobar a veracidade da lenda visitando Trevinca: "Haberá que chegar unha mañanciña de San Xoán e poder ver a moza e o mozo alí agarrados. E despois ver como cunha especie de brillante relámpago a serpe de dúas cabezas desaparece na lagoa".

O libro pódese conseguir nos establecementos turísticos da Veiga, ademáis de na web de Trevihost.

Te puede interesar