Un desfile de carrozas e a mostra de acios novos anticipan a vendima na festa de Leiro

 Unha das carrozas participantes na pasada edición.  (Foto: Marcos Atrio)
A ‘Festa da Vendima’ acada iste domingo a súa vixésima edición na localidade de Leiro, e anticipa o proceso de colleita da uva cun desfile de carrozas e un concurso de acios novos. Tamén se instalará un mercado artesanal e tampouco faltarán as competicións deportivas e un festival de corais.
Os veciños do municipio de Leiro apuran a elaboración das carrozas coas que participarán no tradicional concurso da ‘Festa da Vendima’, que se celebrará na súa vixésima edición o vindeiro domingo cun desfile pola rúa principal da localidade a partir das 12.30 horas.

Un festexo que resalta a importancia da colleita da uva no Ribeiro e que contará coa presenza, ó mediodía, do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, na súa tarefa de pregoeiro. ‘Iste ano decidimos incrementar a cuantía dos premios do certame de carro zas, que serán de 1.000, 750 e 500 euros para adultos, e de 450, 350 e 250 no caso dos deseños infantís’, sinala o concelleiro de Cultura, Ramón Álvarez.

Artesáns Ademais, a organización concederá unha subvención de 300 e 150 euros en cada unha das dúas categorías citadas ás carrozas que participen e non acaden premio. O evento que promove o Concello de Leiro tamén destinará premios de 90, 60 e 30 euros ós tres mellores acios de uvas brancas e tintas, que estarán expostas na Praza do Cruceiro ó longo da mañá. Por outra banda, no paseo fluvial estarán ubicados os 27 postos xa confirmados no Mercado Artesanal, que chega a súa séptima edición.

A festa tamén terá o seu compoñente gastronómico, cun xantar popular na paraxe natural de O Salgueiral, na beira esquerda do río Avia, dende as dúas da tarde. A xornada completarase coa presentación do equipo de fútbol de Leiro, que xogará co conxunto do Ourense B, ás 16.30 horas, e un festival polifónico na igrexa parroquial de San Pedro, coa participación de corais de A Coruña, Portugal e a anfitriona, a agrupación ‘Val do Avia’. E dende as 22.00 horas haberá un baile na Praza do Cruceiro, amenizada por unha orquestra, para pechar a festa.

Te puede interesar