RIBADAVIA

A MIT aposta polas montaxes máis innovadoras e arriscadas

Santo André. Ribadavia. 24-07-15. Provincia. Mit de Ribadavia na reitoral de Santo André.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Inversa Teatro representou Té con Kant, na Rectoral de Santo André.

Espectáculos de Chile, Portugal, Arxentina e Galicia garanten o éxito nesta fin de semana

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia encamíñase cara o último fin de semana desta edición con seis representacións procedentes de Chile, Portugal, Arxentina e Galicia. "Unha edición especial, de cambios e reforzos para o futuro", segundo sinala a dirección do festival, pola que xa levan pasado máis de 8.500 espectadores, sen contar os visitantes da exposición de Barriga Verde, que continuará na Igrexa da Madalena durante o mes de agosto, unha vez que finalice a MIT 2015.

A fin de semana conxuga distintos espazos e presenta obras apoiadas por importantes premios da escena coma os 5 María Casares da obra Perplexo, da compañía Il Maquinario ou o Premio Maruxa Villanueva á mellor Interpretación para Marta Pérez por Té con Kant.

Outros espectáculos son a revelación da escena internacional ou da escena off madrileña Como si pasara un tren, da compañía La Transtienda. Nesta última, coa presenza da televisiva Marina Salas, o público poderá gozar da estrea en Galicia dunha emocionante obra, maxistralmente interpretada, chea de humor e de sensibilidade, cunha historia sinxela e familiar, pero cun forte trasfondo sobre a situación dunha familia monoparental que loita pola dignidade, a felicidade e a igualdade, sen sabelo.

A MIT 2015 favoreceu a accesibilidade, grazas a un total de 13 estreas en Galicia, ao teatro estatal e internacional, convertendo a Ribadavia nun gran foro, visión e achegamento a fórmulas novas, xéneros e espectáculos contemporáneos que nos amplían a mirada e o concepto de artes escénicas, achegando tamén a escena a novos públicos necesarios para a súa vitalidade e o seu crecemento e evolución.

O director da MIT, Roberto Pascual, destacaba de forma especial a gran afluencia de público nos espectáculos do rural, que se ofrencen en sitios diferentes e especiais atraendo un gran número de espectadores de fora desas localidades nas que se representa. Foi o caso onte de Inversa Teatro e a obra Té con Kant, con unha fantástica escenografía na sala da Lareira da Rectoral de Santo André, que completou o seu aforo. Roberto Pascual, tamén considera que parte do éxito desta edición se debe a que se ofrecen espectáculos en sitios non convencionais e tamén nas rúas, e porque a xente quere ver montaxes novas, arriscadas. Nese sentido, referíase a espectáculos como o de Sr. Serrano, no que se mezclou cine, textos e música, do que o público valorou a innovación.

Te puede interesar