A organización do certame de teatro amosou un programa cos mellores espectáculos nacionais e internacionais

A Mostra Internacional de Ribadavia consegue a financiación esperada

A organización da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia mostrouse satisfeita de conquerir finalmente a financiación necesaria para ofrecer unha carteleira de calidade tanto de compañías de ámbito nacional como internacional. O alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco; o concelleiro de Cultura, José Prieto, e o director da mosta, Roberto Pascual, presentaron o cartel de promoción desta 27 edición, do que é autor o ilustrador Iván Rodríguez, e tamén deron a coñecer toda a programación, que se pon en marcha o 15 de xullo e que se prolongará ata a clausura do día 23 do mesmo mes.
O director do festival destacou a obra 'Radio Armeniac' de Jashgawronsky Brothers (Italia), ademais de facer mención especial doutras actividades paralelas como a exposición de Teatro-Danza e a proxección de vídeos.

Marcos Blanco aplaude a decisión da Xunta de conceder 50.000 euros en efectivo á mostra, xa que o pasado ano colaborara con 35.000 euros e 15.000 en representacións teatrais escollidas pola Xunta.

Asemade, refiriuse ó Ministerio de Cultura, que aporta 64.000 euros, e ó Instituto General de la Mujer e Novacaixagalicia, que colaboran con 10.000 cada un. A única nota discordante, dixo o rexidor, é a reducción da axuda por parte da Deputación. Pascual, pola súa parte, aproveitou para agradecer a importante colaboración dos pequenos patrocinadores, que completan o presuposto desta edición, que alcanza os 200.000 euros, so 10.000 menos que na edición pasada.

Te puede interesar