Olalla González: "Viana é o espazo seguro ao que volver, onde me sinto en control"

Olalla González Domínguez.
photo_camera Olalla González Domínguez.

Olalla González Domínguez é coordinadora de proxectos internacionais, e sempre volve a Viana

Olalla González cursou en Vigo os seus estudos de tradución e interpretación e dende a súa finalización, en 2014, percorreu medio mundo como coordenadora de proxectos internacionais. Nos últimos anos estableceuse definitivamente en Tallín, Estonia, dende onde planifica e realiza as súas viaxes. Namorada de Viana, non dubida en visitar o seu municipio natal sempre que pode para desfrutar dos seus. 

Por que volve sempre que pode?

Principalmente para visitar aos meus pais cando teño algún espazo de tempo entre proxectos. Cando me é posible tamén intento estar para datas máis significativas do ano, como o Nadal, o Entroido ou as festas de agosto, xa que son momentos de reunións familiares e tamén de amigos de toda a vida.

Que é o que máis valora desta localidade?

Poder estar nun espazo natural, ir pasear polo monte, ou axudarlle aos meus pais con tarefas máis manuais como a horta ou o xardín. O feito de estar ao aire libre, de coñecer á maior parte da xente e poder “reconectar” con todo.

Que significa para vostede Viana?

É a infancia, os recordos da adolescencia, un espazo seguro ao que volver, onde me sinto en control e no que sei que podo facer o que me propoña, con confianza e seguridade en min mesma para colaborar con outras persoas e comunicarme na miña lingua materna e no mesmo estilo “cultural”, algo que non é frecuente no meu día a día.

Que o que máis estraña da cidade nestes intres?

É dificil ter unha opinión sobre isto, xa que cada vez que vou é en tempadas nas que hai máis oferta cultural e de lecer. Estou moi orgullosa de que haxa iniciativas de lecer e educación socio-cultural para os cativos -a pesar de non ter un centro xove para “pasar o tempo” para os adolescentes, por exemplo-. En xeral boto en falta opcións de desenvolvemento para a mocidade sen que teñan que desprazarse a núcleos urbanos máis grandes. Por suposto, nunha cidade sempre hai máis oferta de concertos, cines, restaurantes de diferentes tipos, pero entendo que non se pode ter de todo en todas partes e si que recoñezo as boas iniciativas que se están desenvolvendo nos últimos anos na zona.

Plantaríase regresar nun futuro a Galicia para establecerse definitivamente?

É posible e non o descarto nun futuro. De volver a España só sería para volver a Galicia. 

Te puede interesar