ENTREVISTA

Adolfo Pérez: “Marchei con 14 anos a Lasarte, pero o meu corazón quedou aquí"

Emigrante1
photo_camera Adolfo Pérez Nogueiras

Adolfo Pérez Nogueiras foi unha desas persoas que se viu obrigada a deixar a terra que tanto quería, co obxectivo de procurar un futuro mellor.

Nado na parroquia de Graña, en Xunqueira de Ambía, fai 68 anos e afincado en Lasarte (País Vasco) dende os 14 anos, Adolfo sinala que o seu corazón nunca marchou de Ourense, terra á que retorna cada pouco tempo.

Cónteme, que motivos o levaron a emigrar?

O primeiro de todo, eu sempre digo que fun un emigrante "á forza". Emigraron os meus pais e eu tiven que marchar con eles. Recordo perfectamente aquel día, tiña 14 anos e era un 15 de novembro de 1963, naquela época foi cando mataron a John Kennedy. 

Que foi o máis duro daqueles primeiros meses en Lasarte?

Pois imaxínate, eu estaba acostumado a vivir na nosa casa de Arcos. En Lasarte vivimos os primeiros meses con outros emigrantes de Salamanca, unha familia moi boa por certo, pero os comezos foron duros. Recordo que custoume moito o feito de ter que falar castelán. Eu solamente falaba galego. Había xente de toda España e ás veces ríanse de nós polo acento. Eu, naquel entón, era un crío, claro que cando cumplín os 18 algún que se riu levou nos fuciños (ríe). Aínda agora me din que teño acento e eu sempre digo que os que falan raro son os demáis. 

Qué levou aos seus pais á emigración?

A vida na aldea na época da postguerra era dura. O ano que o meu pai decidiu emigrar foi porque nos morreran dúas vacas e un porco e a situación era un pouco límite no económico. Ao principio marchou el solo e quedamos aquí miña nai, a miña irmán e mais eu, pero claro, o meu pai viu que a vida alá era moito mellor: cobraba todas as semanas, non había problema de que a xeada levase as patacas, nin que morreran os porcos. Decidiu que era mellor levarnos a toda a familia con el. A vida no País Vasco era moito máis fácil. 
O seu pai vivía en Ourense do campo, ¿cal foi en Lasarte o seu traballo?

Sí, viviamos aquí en Arcos das nosas leiras e do traballo no campo. No País Vasco el comezou a traballar na construcción.

Nalgún momento pensaron en regresar? 

Sí. Os primeiros anos a miña nai contemplou á posibilidade. O que pasa é que era volver a Ourense para ter que traballar de novo no campo. Unha vez que os fillos nos fixemos maiores, comezamos a traballar e iniciamos unha vida, pois xa foi máis complicado. Pero vouche dicir unha cousa, eu nunca marchei. Eu era un galego que vivía preto de San Sebastián, o meu corazón quedou aquí. O meu sentimento non era de volver porque eu nunca me fun. 

A qué se dedicou vostede no País Vasco? 

Xa sabes o que din, que os galegos valemos para todo. Tiven varios traballos. Comecei na construcción, andiven de chófer e traballei, tamén, nunha empresa de neumáticos. 

Ensinoulle o galego aos seus fillos?

Sí aos tres. Teño un fillo e dúas fillas e os tres falan galego perfectamente. O meu fillo, de feito, casou cunha rapaza de Piñeira de Arcos e vive en Galicia. 

Cada canto regresan á terra?

Sempre que podemos. Agora que xa estou xubilado, ás veces méteseme na cabeza que quero volver, collo o coche e digo: "¡Marcho comer o pulpo a Xinzo!. n

Te puede interesar