As raíces das árbores son unha das causas de deterioro das beirarrúas que se van reparar
O Concello de Sandiás iniciou a pasada semana a reparación das beirarrúas deterioradas do municipio. Tras recibir queixas dos veciños, que ven o seu tránsito dificultado, o Concello decididiu reparar as vías afectadas. A execución destes traballos é posible grazas aos excedentes dos orzamentos municipais do ano 2016. O alcalde de Sandiás, Felipe Traveso García, explica que a procedencia dos recursos é a razón pola que se demorou a súa execución ata o final do exercicio económico. Felipe Traveso afirma que a partida destinada a este fin suma arredor de 4.000 euros.
Dende a alcaldía, explícase que son varios os puntos onde as beirarrúas do municipio están estragados. O alcalde sinala que o mal estado das vías é debido "probablemente a fallos de execución das obras, que xa hai tempo que se fixeron", polo que recoñece que se trata dun problema que se ven demorando varios anos. Ademais, explica que o seu estado vese notablemente empeorado pola presenza das raíces das árbores, que ao saír á superficie provocan que se solten e rompan as placas. Os traballos de reparación consisten na fixación destas pezas levantadas e na substitución daquelas que están rotas.
As beirarrúas máis afectadas son as de A Corga, Couso de Limia e máis Vilariño das Poldras, que son as aldeas nas que se intensificarán os recursos. Aínda que con menor gravidade, o alcalde sinala que tamén hai zonas afectadas en Sandiás e Piñeira de Arcos e, polo tanto, os labores de reparación tamén se extenderán a estas localidades.
As obras iniciáronse a última semana do mes de decembro e o alcalde espera que rematen para mediados de xaneiro.
Dende a alcaldía, Felipe Traveso García asegura que este tipo de accións son "pequenas cousas pero que son importantes e moi necesarias" para o benestar dos veciños do concello.