Opinión

Auria, polas nubes

Cando falamos de Auria sempre evocamos cousas boas. Que se os romanos nos viñeron dar o nome e a palabra, que se é o nome literario da nosa cidade recreada mil veces por mil autores, que se lembramos aquela discoteca de éxito que desde o Paseo introduciu a modernidade en Ourense, en 1960; que se foi unha revista cultural e de culto, de éxito tamén, de colaboración entre a Caixa e La Región... En fin, todos sabemos que Auria somos nós. E somos nós para o mundo.

Pois desde este sábado pasado, Auria é tamén un símbolo de modernidade máxima. Un inmenso avión Boing 777 de 299 prazas, cunha autonomía de voo de máis de 15.000 quilómetros (pode ir a Santiago de Chile sen parar), leva polos ceos o nome da cidade. E todo foron, como saben, a conxunción de bos astros. Resulta que un ourensán de Trives, Chema Álvarez, relacionado coas viaxes desde o nacemento e coa aviación desde mozo, fíxose no seu día “broker” aéreo. Ou sexa, dedicouse a xestionar avións que doutro xeito viaxarían baleiros –isto significa o nome da súa empresa “Empty Leg”- para enchelos e así abaratar custos e dar mellores servizos e beneficios a todos. As compañías completaban pasaxes –co que podía reducir custos nas viaxes de ida e volta-, os pasaxeiros topaban voos máis baratos e con máis frecuencias, e eles (os broker) gañaban pola xestión.

O paso lóxico de querer medrar, era ter avións propios. Para iso, montou outra compañia irmá, Privilege Style, con avións clásicos e impecables de servizo. E este “Auria”, como saben, é o quinto. Cando vexan un avión elegante, con raias de ouro e azul, levando a selección española de fútbol, por exemplo, saiban que é desta compañía. E os amigos de Ourense, Chiqui Gutierrez á cabeza, propuxéronlle escoller o nome para o avión por medio da colaboración de facebook. Así se fixo, e xurdiron ducias e ducias de nomes; uns máis serios, outros máis de broma. Finalmente, saiu elixido –cousa que amosa o bo sentido dos ourensáns- o nome de Auria, proposto por Javier Torres. E foi escrito con interpuncións A•U•R•I•A para que quede máis bonito. Sen dúbida, a mellor das eleccións.

E como saben, o día sábado 28 de novembro fíxose unha festa ourensá de bautismo no hangar 6 de Barajas. Alí asistiron, vidos de Galicia, Palma, Madrid, Portugal e outros moitos lugares, centos de amigos, parentes, veciños, clientes, empregados da compañía coas súas familias, e outros que tivemos a sorte de compartir alegría e bautizo. E alí, no medio de tantos reencontros, amosáronse, creo, as claves do éxito deste Chema Álvarez, situado xa, aínda que teña máis percorrido futuro que pasado, entre os grandes ourensáns da historia da empresa, como Barreiros ou Franqueira.

E esas claves están na ousadía en busca dunha meta, no esforzo, na empatía –co seu relato fíxonos vivir a compañía como nosa-, na valoración do traballo alleo, na fidelidade ás raíces... A homenaxe continua aos amigos e á terra de Trives e Ourense –vídeo incluído-, a gabanza do traballo dos empregados, do primeiro ao último, presente e xa ausentes -200 compañeiros, como lles chamou sempre- crearon un clima de ilusión contaxioso. Un líder, este Chema.

E como ramo, e con Xoan Manuel Xil Páxaro, como organizador eficaz e gaiteiro de apertura, a música lixeira e amable da Big Band, a fermosísima voz de Silvia Alonso, o excelente violín de Sara Gil Casasnovas, fixéronnos voar a unha feliz sala de festas. Digamos que a Auria dos anos sesenta. Si. Auria, quedou polas nubes. E que teña felices voos. E nós que os vexamos.

Te puede interesar