Opinión

Cuestión de letreiros

Teño que recoñecelo, teño un problema cos letreiros. Pequeniño, iso si. Por iso se cadra mellor dicir, unha cuestión máis ca un problema. O caso é que por un lado, por vicio de historiador afeccionado e arqueólogo titulado, túrrame a tendencia á conservación de todos os restos que nos dean datos do pasado. Digamos que se un topa un bloque de pedra de mediado tamaño máis ou menos paralelelpípedo cunha unha inscrición que di “Revve Anabaraego”, pois pensa que por sorte se conservou esa ara romana que nos fala do antigo culto ás augas na Burga que habia xa antes dos romanos, como diría o amigo Eguileta.

E se un topa, como toparon, unhas enferruxadas latas de sardiñas que levaban unha letreiriño “Miau”, uns gatiños debuxados e o nome de Bernardo Alfageme, Vigo, España, entre os cascallos da cimentación das Galerías Pacífico da rúa Florida de Buenos Aires, pois podíamos saber o que comían e saudade gastronómica que sentían aqueles obreiros galegos alá no hemisferio sur na primeira década do século XX, construían aquela antiga estación do tren. Si. Polo vicio da historia, gustaríame se conservasen máis cousas que nos fixesen ver mellor o que pasaba ou que sentían os de antes de nós, que como sabemos, son parte de nós, pois nós somos suma dos sumandos anteriores e non dos que están por vir que non os coñecemos e non sabemos sequera se chegarán a existir. En fin.

Pero outra parte, como cidadán actual, paréceme que a proliferación excesiva de letreiros obsoletos nas rúas afea e despista e, en certo sentido, deprime. E claro, un sabe que cando un negocio creba, cando bota o peche, o último que queren os que se ven forzados a baixar a persiana é seguir gastando cartos. E que cando unha persoa morre, os seus descendentes aférranse á memoria escrita en placas como forma de permanencia. Por iso custa tanto cambiar os letreiros das portas, sacar os anuncios de despachos que hai onda os portais e borrar números de teléfono do móbil.

Todos os días ao saír da casa vexo o grande letreiro cuadrado que di “Pub Biher” en Curros Enríquez e penso cantos anos leva pechado. Non o dou lembrado con claridade. A néboa do tempo. Se cadra vinte ou máis. E ese letreiro inocente que sobreviviu a varios outros negocios no mesmo local, case non confunde a ninguén xa, fóra algún despistado cliente forasteiro do Hotel Sila -Princess, mellor dito- que pensa que alí poderá tomar unha copa. Pero non. O Biher... onde el vai.

Pero se vostede dá unha volta polo Progreso ve letreiros de ferreterías que xa só lembran os máis vellos. Ou se sobe por Bedoya, ten desde “Electricidad Álvaro”, de “Atrezzo, bolsos, complementos, marroquinería” e non sei cantos máis. Especialmente perdurables claro, os que soben polas fachadas, que tanto custou poñelos como custaría sacalos. Tiveron o seu momento de gloria nos anos setenta, cando a xente andaba coa cabeza alta e mirando para arriba, co optimismo do crecemento sen teito. Agora creo que non miramos tan alto.

Te puede interesar