Opinión

Escudos da República no cuartel

O outro día faláballes da visita que fixera cos meus alumnos a ver o claustro de San Francisco no curso 1983-84. Resulta que dando a volta naquel fermoso espazo de arcos, columnas, capiteis e, daquela palmeiras, vimos as fermosas vidrieiras cubrían os vanos que o comunicaban coa vella sala capitular do convento. Lembro ben que nos ensinaron os catro escudos das provincias de Galicia nos catro ocos que daban á que era daquela a biblioteca do cuartel, e como na porta de madeira e vitrais que comunicaba a mesma co claustro, había dúas cruces de Santiago, un par de rosetóns e, por riba, un escudo da II República. E o guía -sigo sen lembrar rango e nome- cando nos falou das vidrieiras se referiu a el dicindo “Y por encima de todo, el escudo de España vigente en el momento de la elaboración de las vidrieras”.  E xa está. Era unha visita, non unha lección ou un debate de historia. O escudo vixente no momento da elaboración. Certo. 

E lembreime disto -os recordos son como as cereixas que se enredan e os rabos dunhas turran das outras-  vendo a exposición sobre a historia do Rexemento Zamora 8 e os militares en Ourense que hai no Marcos Valcárcel e na que, xunto cos amigos Freire, Eguileta, Castaño, Cabo, Zapata e outros,  algo teño que ver. Alí, na vitrina que dá acceso á parte da sala pequena do fondo, hai un par de “ordes do día”. As tales ordes eran unhas follas, normalmente un folio impreso polas dúas caras e dobrado polo medio de forma que tiña catro caras, eran producidas na imprenta do cuartel e recollía a información do día. E incluía  as tarefas, os mandos responsables, e incluso, ao final,  o menú do día do que ían comer e quen era o mando a cargo da cociña, pois seica con uns comíase mellor que con outros. A folla distribuíase a primeira hora da mañá para que non houbese dúbidas de quen era o responsable de cada cousa.   Pois ben, normalmente non ían nada “adornadas” porque a súa función era eminentemente práctica. Pero nalgunhas ocasións sinaladas, tipo día da Patroa ou así, esmerábanse e facíanas máis “bonitas”. E unha, que prestou para a exposición Fernando Ramos, de 1969, leva na primeira folla, un fermoso escudo da II República. Debían ter por alí, na imprenta, a matríz. Era, ademais, o escudo que vían constantemente na vidrieira. E inda máis, esa coroa superior de castelo era a que señoreaba tamén de sempre no emblema do Rexemento Zamora número 8 e que nunca se cambiou, como poden ver no logo, nas metopas e guións que hai na Expo. Así pois, esa Orde do día, distribuíuse sen problema ningún. E supoño que haberá máis. Simplemente, un escudo histórico próximo ao Zamora 8. 

Porque a damnatio memoriae -a vontade de eliminar a memoria pasada e os símbolos, cousa que vén dos romanos como podemos ver, por exemplo, no repicado do nome do Emperador Domiciano no Padrão dos Povos, ese marabilloso monumento conmemorativo da construción da ponte romana de Chaves, do ano 79 d.C. que aínda está nela, pois non foi demasiado presente no franquismo. Os escudos republicanos, como os do Banco de España, do Mercado, de Facenda, das tampas dos sumidoiros, sempre estiveron por aí. Despois, como saben, usouse desde 1938 o escudo de San Juan, propio de Isabel a Católica e cun par de “restylings” franquistas. E avanzada democracia, un par de anos, púxose en vigor o actual, que, polo tanto, é o segundo escudo, en vigor na democracia. Sorpresivemente, coa restauración contemporánea  previa á apertura do Arquivo Histórico no solar, desapareceu da vidrieira do claustro o escudo da II República, mimado polos militares durante décadas. Hoxe non leva ningún. Cosas veredes, Sancho, que non creredes.

Te puede interesar