Opinión

O himno no baloncesto

Os himnos, dicíallo o outro día, naceron en Grecia. Unhas 33 ou así cantigas dedicadas aos deuses -os chamados himnos homéricos- falaban das heroicidades e miserias dos moradores dos ceos. Logo, repito, os cristiáns copiaron o modelo e fixeron os seus himnos relixiosos, etc. E logo no mundo moderno, os colectivos (deportivos, políticos, sindicais, etc.) fixeron tamén cancións para enfervorizar aos seus partidarios.

Un destes inventos xa centenario foi o Himno Galego. Todos saben que a letra é de Eduardo Pondal -xunto con Rosalía, Curros e Lamas Carvajal, un dos catro poetas pais da nación do XIX- e que se estreou en Cuba. E moitos saben que se trata dun poema que se chama “Os pinos” -curioso castelanismo, en vez de “piñeiros”, por certo-, que é un himno lentiño e que tradicionalmente se cantaban dúas estrofas, aínda que oficialmente son agora catro.

Si. Por contra á pitada do himno español esa do outro día nun partido de balompé, espallouse nas redes o vídeo das afeccións de dous equipos galegos de baloncesto cantando todos xuntos o galego. Era unha imaxe bonita, como todas as que falan de unidade da xente. E foi en Ourense, claro. A min o que máis me gustou é que o pobo baloncestítico galego feito voz, berro e canto único, entoase só as dúas primeiras estrofas. Coma sempre. Rematando en Fogar de Breogán, de Breogán... Fogar de Breogan, de Breeeoooogán. Aplausos e punto.

Deben saber vostedes que o poema “Os pinos” está composto por dez estrofas. E que de acordo co modelo himnario grego hai unha historia que se conta, pois un himno sen letra é unha contradición en si mesmo. Pero en fin. No galego, o primeiro é a interrogación retórica de que din os piñeiros -rumorosos- na costa de Galicia -verdecente- nas noites de lúa -ao raio transparente do pracido luar. Repítese a interrogación retórica chámase agora aos piñeiros “altas copas”, fálase do que dirán co “monótono fungar” do zoar do vento nas súas agullas -o “escuro arume arpado”-. Na seguinte estrofa, os piñeiros falan e rematan dicindo iso de como Galicia está durmida, debe despertar, e para iso invoca a un mítico deus pai enxebre; así, “desperta do teu sono Fogar de Breogán”... Lírico, himnario, apelando á natureza. “Que din? Desperta, oh.” Simple e fermoso.

Ah. Pero había que marcar diferenzas. Este himno nunca fora prohibido. Mesmo o director da banda municipal de Coruña tocouno despois de “Os teus ollos” e “Negra sombra” diante de Franco en Coruña en 1958, nunha cea de gala. Cando o ferrolán se ergueu para escoitalo, tal fixeron todos os presentes, e así quedou para sempre tolerado algo nunca prohibido. Era o mesmo que se viña cantando desde que se estreara en Cuba. Os himnos son para todos.

E na transición algúns quixeron ir máis alá. Dado que o himno estaba permitido, cumpría “agudizar as contradicións”. Introduciron, pois, dúas estrofas máis, fíxose longuísimo, só para facer referencias aos “imbéciles” e “escuros” que non entenden o que din os piñeiros e rematar dicindo “nación de Breogán”. Nesa entente que foi o parto do Estatuto, etc. todos deron, creo que sen moita reflexión, por boa esta duplicación de estrofas, impulsada de feito polos que non usaban a bandeira galega senón que lle metían unha totalitaria estrela vermella. Símbolos, ao gusto. Resultado, o himno inclúe as partes esteticamente máis desafortunadas do poema (a inclusión da palabra “imbéciles” nun himno non ten parangón), e en vez de ser de unión, é simplonamente maniqueo entre os galegos de primeira, os listos, os “bos” que entenden, e os demais, os féridos, duros, imbéciles, escuros. Horroroso. E case ninguén sabe esas dúas estrofas. E porque non as seis restantes? A seguinte remata cun “rexión de Breogán”, e as demais, con “grey de Breogán”, “das fillas de Breogán”, “das arpas de Breogán”, “das armas de Breogán”, “dos eidos de Breogán”. En fin, cantadas as dez levaría un cuarto de hora e ninguén as daría aprendido. Moi ben, pois, polos do baloncesto, cantaren só esas dúas. É a parte bonita.

Te puede interesar