Opinión

Kit de inviero, kit de verán

Voulles descubrir un segredo. Hai dúas estacións fermosas e algo incómodas. No verán vai moita calor e no inverno frío. Por iso no verán bebemos cervexa e no inverno, viño. Por iso no verán buscamos a sombra e no inverno, o sol. Por iso a xente viste de forma distinta no verán e no inverno. Sóalles?

E no caso do frío inverno, o kit estándar é: camiseta de manga longa (ou curta se un non é moi frioleiro), camisa gorda (ou blusa), xersei, (que variará o grosor segundo o libre albedrío do abrigado), zapatos fortes, zocos (cada vez menos), botas, calcetíns de la (ou medias), pantalón de pana ou vaqueiro, gorro, etc. E se chove, impermeable por riba. E se non chove, abrigo, trenka, plumífero ou peles. A gusto do consumidor ou consumidora. E cando un entra en recinto pechado, léase Liceo, aula de clases, oficina onde traballe ou similar, mete o gorro nun peto e colga no percheiro a capa exterior, que recuperará íntegra inmediatamente antes de abandonar o cuberto e volver á intemperie, ou sexa ao exterior do edificio.

O kit de verán é, loxicamente, distinto: camiseta frouxa, ou camisa de manga curta, ou camiseta de asas, ou blusa , ou niki, sandalias ou deportivas sen calcetíns nin medias, pantalóns curtos ou longos frescos ou saia tendendo a curta. Por riba, pode levarse nas noites de agosto, algo de abrigo moi lixeiro. En xeral, non se usan as perchas.

Antigamente considerábase moito o “entretempo”, agora menos. En calquera caso, en primavera ou outono débanse facer variacións na vestimenta a gusto do consumidor. A palabra chaqueta aparece asociada a estas épocas.

Ora ben, os problemas xorden cando hai unha confusión de kits á hora de vestir. Imaxina vostede a alguén ás catro da tarde no mes de agosto sentado nas terrazas do parque coa equipación de inverno? Camiseta, camisa e xersei, plumífero, calcetíns gordos e zapatóns? Se cadra inda lle daba un “golpe de calor”. 

Agora imaxine alguén que vaia a traballar ou a clases en pleno inverno co kit de verán. Zapatillas sen calcetíns, pantalóns refucidos e con numerosos ocos de ventilación, unha camisetiña de manga curta e unha sudadeira liviá como a seda. Ridículo. Ah. Pero agora ven a dominación dos individuos por parte da ideoloxía do máximo consumo, ou sexa, da moda, do verán. E si, unha persoa coa equipación da estación cambiada, vestido -ou vestida- de verán, reclama ter calor nos interiores, como se dun estío artificial se tratase. 

E non. Hai, por suposto, que acondicionar os espazos públicos para o mellor benestar dos seus usuarios, e poñer ventás ben illadas, máis horas de calefacción, etc. E valorar que os investimentos sexan proporcionados ao beneficio obtido. E isto hai que miralo con calma e considerar, tamén, chamémoslle “estratexias alternativas”. O outro día dicíame unha nai que o seu fillo pasaba frío no instituto. E que leva posto? Unha camiseta e unha sudadeira. Ah. Neste tempo? E por que non leva un xersei? Nin tolo, non lle gusta. Ah. Moi ben. Vale. En fin, ríame tamén cos alumnos porque lles aconsellaba que, de teren frío, en vez de mantas, trouxesen camisetas. E desde logo, non andaren cos nocelos -tobillos na fala castelá- ao aire nin coas toberas de ventilación dos pantalóns abertas. Se cadra soa antigo pero creo que cando un ten frío, o primeiro que ten que facer é abrigarse, e logo xa veremos. 

Te puede interesar