Opinión

Pero Maxestade...

Pero Maxestade..., Pero cidadán Felipe... Pero compañeiro Borbón... Pero, pero, pero...

-Deixádevos de peros e a calar os catro. Ti, Mariano, pára xa coa barba e deixa de chiscar os ollos... E ti, Pedro deixa ese sorriso profidén de plástico, máis falso que as moedas de tres euros. Pablo, desfruce o entrecello, corta o pelo, faite bo, que non vas chegar a nada, e iso que me caías simpático, oh. E ti, Albert, a ver se sacas dunha vez esa cariña de santo que nunca rompeu un plato, que xa non cola. Estou farto, está todo o mundo farto de vó-los catro. Parecedes nenos no patio dun cole de primaria. “Ese é malo que non me deixa xogar con eles, profe, ese moveume a silla, ese colleume un lapis, ese miroume mal, ese xa non quere ser o meu amigo...Ña, ña, ñá”. Non vos dades conta de que en España xa ninguén vos segue? Todo o mundo ten cousas máis importantes que facer que seguir os vosos aburrridos díxome-díxome. Mi madriña, onde nos trouxestes! Terceiras eleccións! Estades tolos ou que? Podedes deixar de mirarvos ao embigo? Non penso convocar novas eleccións nin de broma. E se as terceiras saísen parecidas ás segundas, que? Imos ás cuartas? E logo ás quintas? Non podedes ter o país esgazado, resucitando as dúas Españas, inconscientes! Se non tedes ningunha idea mellor, volvede a traballo que tiñades antes. Ti, ao Rexistro, vó-los dous, a chupar á universidade... E ti, Albert, onde sexa que estiveras antes, se algunha vez traballaches. Non tedes dereito a amolar e a dividir cainitamente á xente. Deixádenos en paz. A xente falou: uns, a gobernar; e outros a facer oposición. Que non quere dicir a facer o que lles dea a gana a uns ou facer repunantes do non a outros. Aviso. Como a Constitución non di nada da saída do lío este, ou vos poñedes de acordo en prazo, ou atédevos ás consecuencias. Ameaza? É que o é!

Se vós non dades para máis, collo o mando, que para iso son rei. Goberno directamente catro anos e despois xa veremos, que se cadra aínda lle collo gusto e imito aos devanceiros. Felipe V montou a Biblioteca Nacional. Carlos III, O Prado e a Cibeles. Non esquezades que o despotismo ilustrado foi a mellor forma de goberno que tivo España, a máis modernizadora. E o mundo, outro tal. Se non chega ser por Napoleón III e Haussmann, París sería un cortello. Pois espabilades ou paso a gobernar por decreto. Xa falei con quen tiña que falar e a idea ten unha excelente acollida entre a xente do común, farta de vós, e tamén entre estamentos do poder de verdade, de aquí e de fóra. Spain is diferent. Unha monarquía que exerza, máis alá do decorativo, cando os que elixiu o pobo non dan... Mmmm. O rei aliado do pobo, contra os nobres outrora, contra os políticos de hoxe. Como nas Irmandades, como nos Comuneros, como nas Xermanías. O mundo ferve e vós aquí tocando o caneco. Se as primaveras árabes sacaron o peor de cada xente de alá, en España, as votacións repetidas, non falan nada ben de nós. Polo tanto, como nos vos poñades de acordo, lémbrovos que son Rei, Xefe do Estado e incluso, eh, Capitán Xeneral das Forzas Armadas. Varios expresidentes xa se me ofreceron. Un poder forte, real, ilustrado, respectuoso coa liberdades privadas e públicas dos cidadáns, dos colectivos e das empresas, pero con freo e man dura coas incompetentes dirixencias políticas.

En fin, tedes ata unha semana despois das galegas e das vascas, que creo que van arreglar a cousas de seu. Pero por hoxe, fóra de aquí os catro.

Te puede interesar